O delegado territorial da Xunta en Ourense reúnese coa presidenta de Femuro

O delegado territorial agradeceulle á presidenta de Femuro o labor que está a levar a cabo esta asociación nos eidos da promoción da igualdade de oportunidades e o desenvolvemento das mulleres rurais en todos os ámbitos

O representante do Goberno galego lembroulle que a Consellería de Emprego e Igualdade, a través da Secretaría Xeral da Igualdade, ven asinando dende o ano 2018 un convenio de colaboración coa Federación Provincial de Mulleres Rurais de Ourense para o desenvolvemento de accións de sensibilización fronte á violencia de xénero e apoio ás súas vítimas, ao que no ano 2020 destinou 20.000 euros

Gabriel Alén, sinalou que “coa concesión por parte da Xunta de Galicia da Medalla Emilia Pardo Bazán, recoñécese o labor que as premiadas desenvolven ou desempeñaron a favor da igualdade entre homes e mulleres para construír unha sociedade máis igualitaria baseada nos principios de igualdade, xustiza e solidariedade”

Ourense, 13 de xaneiro de 2021.- O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, dentro súa rolda de encontros institucionais trala toma de posesión como novo representante da administración autonómica na área territorial, recibiu esta mañá á presidenta da Federación Provincial de Mulleres Rurais de Ourense (Femuro), Mª Isabel Garrido.

O delegado territorial agradeceulle á presidenta de Femuro o labor que está a levar a cabo esta asociación nos eidos da promoción da igualdade de oportunidades e o desenvolvemento das mulleres rurais en todos os ámbitos, na procura da plena exposición das súas capacidades persoais e económicas e a súa integración na vida pública, e na loita pola erradicación da violencia sufrida pola muller a nivel moral ou material e no fomento da súa inserción laboral.

Deste xeito, o representante do Goberno galego lembroulle que a Consellería de Emprego e Igualdade, a través da Secretaría Xeral da Igualdade, ven asinando dende o ano 2018 un convenio de colaboración coa Federación Provincial de Mulleres Rurais de Ourense para o desenvolvemento de accións de sensibilización fronte á violencia de xénero e apoio ás súas vítimas, ao que no ano 2020 destinou 20.000 euros.

Froito dese traballo constante, minucioso e solidario, sinalou Gabriel Alén, “foi a concesión por parte da Xunta de Galicia da Medalla Emilia Pardo Bazán, coa que se recoñece o labor que as premiadas desenvolven ou desempeñaron a favor da igualdade entre homes e mulleres para construír unha sociedade máis igualitaria baseada nos principios de igualdade, xustiza e solidariedade”.

O delegado territorial manifestou que “coas Medallas Emilia Pardo Bazán outórgase un recoñecemento público ás medidas desenvolvidas en Galicia en prol da igualdade efectiva”; e engadiu que “a concesión das mesmas axuda á sensibilización social, á visibilización dos talentos e das capacidades das mulleres e para que se recoñeza a traxectoria vital e profesional de persoas e entidades comprometidas con erradicar as discriminacións de xénero e coa construción dunha sociedade máis igualitaria”.

A Federación Provincial de Mulleres Rurais de Ourense (Femuro) naceu no ano 1998 e conta na actualidade con 64 entidades de mulleres rurais asociadas, distribuídas por toda a provincia, o que lle imprime unha base social ampla e variada e se traduce en miles de mulleres beneficiarias das súas actividades. Forma parte do Consello Social Provincial de Ourense e do Consello Galego de Benestar.
 

Imaxes relacionadas