A Laracha conta cun novo punto limpo móbil grazas a unha achega da Xunta de máis de 58.000€

Trenor destacou que o Goberno galego financiou 7 proxectos de mellora da xestión de residuos nos municipios de Bergantiños-Costa da Morte cunha achega de máis de 244.000 euros

A Laracha (A Coruña), 12 de xaneiro de 2021

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e o alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, participaron na presentación do novo punto limpo móbil co que conta este Concello, grazas a unha achega da Xunta de máis de 58.000 euros a través de orde de subvencións a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional co cargo ao programa operativo Feder-Galicia 2014-2020.

A través desta axuda A Laracha conta cun novo camión de carga que será empregado como un punto móbil de recollida de residuos que dará servizo a todas as parroquias.

Trenor destacou na visita que grazas a esta orde recibiron máis de 244.000 euros 7 municipios de Bergantiños-Costa da Morte a través de dúas liñas de axuda. Concretamente, A Laracha, Muxía e Carballo contarán con camións puntos limpos móbiles cunha axuda que supera os 171.000 euros entre os tres concellos.

Ademais, Carballo recibiu unha achega de máis de 6.000 euros para levar a cabo un proxecto de recollida selectiva de fraccións orgánicas e finalmente Carballo, Camariñas e Vimianzo recibiron máis de 67.000 euros para desenvolver proxectos en materia de compostaxe in situ. Todas estas axudas van orientadas a poñer en marcha actuacións destinadas á prevención, recollida separada e valorización dos biorresiduos.

O delegado da Xunta finalizou destacando que esta orde beneficiou a 30 concellos de toda a provincia cun investimento total de máis de 1,1 millóns de euros.

Imaxes relacionadas