A Xunta conclúe o trámite ambiental do proxecto da terminal de autobuses integrada na estación intermodal da Coruña

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio polo que se fai público o informe de impacto ambiental correspondente, que conclúe que non son previsibles efectos significativos no medio ambiente pola construción da nova infraestrutura

Agora corresponderalles continuar coa tramitación á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, como promotora do proxecto, e á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, na súa condición de órgano substantivo na materia
 

Santiago de Compostela, 8 de xaneiro de 2021

A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático (DXCASCC) vén de formular o informe de impacto ambiental (IIA) correspondente ao proxecto de terminal de autobuses integrada na estación intermodal da Coruña-San Cristóbal, unha resolución coa que se dá por concluída a súa tramitación desde o punto de vista medioambiental.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio polo que se fai público o devandito informe. Logo de realizar unha avaliación ambiental simplificada da iniciativa, o órgano ambiental conclúe que non son previsibles efectos significativos sobre o medio ambiente pola construción da nova terminal de autobuses e, polo tanto, tampouco se considera necesario sometela a avaliación de impacto ambiental ordinaria.

Deste xeito, serán agora o órgano promotor do proxecto (a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Dirección Xeral de Mobilidade) e o substantivo con competencias para autorizalo (a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo) os que deberán continuar coa tramitación necesaria para poder levar a cabo a nova infraestrutura.

Cómpre lembrar que o proxecto da estación de autobuses da Coruña-San Cristóbal ten por obxecto a construción dunha terminal na cidade, que se desenvolverá en paralelo entre a avenida de Sardiñeira e a traza ferroviaria. O informe emitido pola DXCASCC pon fin á tramitación ambiental que se iniciou o pasado verán e permitirá seguir avanzando na execución da futura intermodal coruñesa.

Cómpre lembrar que nos últimos meses tamén se produciu outro avance importante para un proxecto clave para mellorar a mobilidade da cidade herculina e da súa área metropolitana. Así, a finais do pasado mes de outubro a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o seu informe sobre a modificación puntual do PXOM da Coruña no ámbito do polígono 029 A Sardiñeira. Deste xeito, o Concello puido continuar coa tramitación dun cambio no planeamento que impulsou no seu día, precisamente, para poder desenvolver os accesos á futura estación intermodal.
 

Imaxes relacionadas