Publicado o decreto que desenvolve o concerto social para flexibilizar e axilizar a creación de prazas públicas de atención

Con este novo procedemento crearase unha bolsa de entidades que están en condicións de ofrecer prazas a partir duns criterios preestablecidos, o que permitirá ofertar servizos alí onde as persoas destinatarias os precisan

Santiago de Compostela, 7 de xaneiro de 2021

A Xunta de Galicia avanza na entrada en vigor do concerto social, co que flexibilizará e axilizará o procedemento para poñer a disposición das familias prazas públicas de atención. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o decreto que desenvolve este instrumento, moi demandando polas entidades sociais, en especial as que traballan con persoas con discapacidade, posto que posibilita que a Administración autonómica concerte as prazas alí onde as persoas usuarias as necesiten.

A través do concerto social crearase unha bolsa de entidades que están en condicións de ofrecer prazas a partir duns criterios preestablecidos. Para acceder a esta bolsa establécense dúas formas complementarias: un procedemento anual para que as entidades presenten as súas solicitudes; e os concertos de adhesión, que permite que as entidades poidan inscribirse en calquera momento e que as prazas se concerten cando e con quen sexa preciso, en función duns criterios obxectivos.

As solicitudes de participación na convocatoria deberán presentarse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Para os procedementos de asignación de concertos o prazo establecido na resolución da convocatoria non poderá ser inferior a un mes contado a partir do día seguinte da publicación da convocatoria.

Así mesmo, nos concertos de adhesión o prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ao longo da duración do concerto social e, no caso de prorrogarse este, abrirase un novo prazo de solicitudes polo tempo da renovación. Nestes casos os anuncios de renovación deberán publicarse no Diario Oficial de Galicia.

Vantaxes

As principais vantaxes que ofrece o concerto social son que se dá prioridade na contratación ás entidades sociais, flexibilízase a creación de prazas públicas alá onde son máis necesarias e tendo en conta as preferencias das familias, e axilizarase a oferta de servizos para as persoas que os precisan con urxencia.

Nun prazo máximo de 18 meses, trala entrada en vigor deste decreto, Galicia realizará as primeiras convocatorias de servizos en réxime de concerto social. Este procedemento normativo aplicarase de xeito prioritario no ámbito da atención á discapacidade, pero tamén se implantará noutros campos nos que as entidades de iniciativa social son predominantes, como a atención a menores ou a inclusión social

Imaxes relacionadas