As obras para mellorar o espazo polivalente no núcleo de Celeiros en Chandrexa de Queixa poden comezar en xaneiro

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda xa asinou o contrato coa empresa adxudicataria, por un importe de case 75.000 euros

O obxectivo é humanizar e potenciar o espazo polivalente definido pola escola de Celeiros, a pista deportiva e unha nave de servizos municipais
 

Santiago de Compostela, 5 de xaneiro de 2021

As obras para mellorar o espazo polivalente no núcleo de Celeiros no Concello de Chandrexa de Queixa poderán comezar este mes de xaneiro, despois de que a empresa adxudicataria e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda asinaran o contrato de adxudicación da obra, por un importe de case 75.000 euros.

O contrato consiste na humanización e mellora das instalacións do espazo polivalente do campo da escola, comprendido polas parcelas de titularidade municipal nas que se atopan a antiga escola de Celeiros, a pista polideportiva e, en fase de execución, a nave de servizos municipais.

Trátase dun espazo polivalente no que se desenvolven a meirande parte dos eventos sociais do Concello, como o entroido, as festas, o magosto, as feiras, xornadas gastronómicas e eventos e actividades deportivas.

Os traballos consistirán en ampliar os espazos peonís, mellorar a accesibilidade, as circulacións e os fluxos entre os accesos e as distintas edificacións e espazos, ampliaranse as redes de pluviais, electricidade e alumeado que garantan a seguridade dos usuarios, en resolver as condicións topográficas da parcelas, para instalar na pista polideportiva unhas bancadas e mellorar a paisaxe do espazo reforzando o carácter de punto de reunión dos veciños de Chandrexa.