O Gaiás ofrece un concerto para a cativada con versións rock de clásicos galegos de Uxía Lambona e a Banda Molona

A Cidade da Cultura acolle esta actuación de balde, cuxas entradas xa están esgotadas, pero que poderá seguirse en streaming na súa canle de Youtube

Santiago de Compostela, 04 de xaneiro de 2021

A Cidade da Cultura de Galicia ponlle hoxe ás 18,00 horas o alfinete musical a súa programación de Nadal no Gaiás co concerto de música infantil de Uxía Lambona e a Banda Molona. Todos os convites están xa esgotados, mais a actuación poderá seguirse por streaming a través da súa canle de Youtube e na páxina web.

Esta formación de música infantil trae ao Museo Centro Gaiás os clásicos populares galegos dándolle o seu toque particular, desde A Carolina rapeada ata O Jato rockeiro, pasando por outros moitos temas tradicionais. Todos eles moi dinámicos, coa intención de facer partícipes aos nenos e ás nenas que asistan á actuación, ateigada de bailes, xogos, coreografías e algunha que outra sorpresa.

Este é o terceiro concerto da programación de Nadal no Gaiás, tras o do pasado luns, día 28 de decembro, de Soledad Felloza e o cuarteto de cordas Ensemble ConcertArt, que musicaron contos típicos de Nadal; e o de Xesús Vaamonde e Xosé Lois Romero, o 21 de decembro. Neste caso, os dous músicos ofreceron un repertorio de cantos de Reis e panxoliñas interpretados con instrumentos tradicionais.

As tres actuacións esgotaron os convites e retransmitíronse en liña para, deste xeito, compensar a limitación de prazas dispoñibles polas restricións que marcan as actuais medidas de seguridade sanitaria pola situación da covid-19.

Imaxes relacionadas