As oficinas integrais de asesoramento e seguimento ao retorno en Galicia acompañaron en 2020 a case 3.500 familias chegadas a Galicia nos últimos anos

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, xunto ao delegado da Xunta na Coruña, visitou as oficinas situadas en Santiago de Compostela e A Coruña que dispoñen de persoal especializado para acompañar persoalmente aos galegos do exterior en todo o seu proceso de retorno

En 2019 retornaron a Galicia 6.574 galegos, convertendo a Galicia na comunidade autónoma con maior índice de retorno sobre as persoas que entran no país

Na provincia da Coruña atendéronse 8.441 consultas que afectaban ao entorno laboral, educativo e social destas familias
 

A Coruña, 01 de xaneiro de 2021

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, realizou recentemente unha visita as Oficinas Integrais de Asesoramento e Seguimento ao Retorno situadas en Santiago de Compostela e A Coruña, comprobando a labor realizada ao longo destes meses para acompañar e axudar aos galegos do exterior que decidiron retornar a Galicia e comezar unha nova vida. Na Coruña estivo acompañado nesta visita polo delegado da Xunta, Gonzalo Trenor.

Estas oficinas están cofinanciadas polo Fondo Social Europeo e contan con persoal especializado que se encarga de informar e asesorar aos galegos do exterior cara a favorecer o retorno, así como de acompañar aos galegos retornados e aos seus familiares. Tamén explican tódolos programas da Secretaría Xeral da Emigración dirixidos á diáspora, así como comunican os temas relacionados con educación, formación, laboral e social, e mesmo, no caso dos familiares con outra nacionalidade, tamén asesoran no eido da estranxeiría, ofrecendo apoio continuo, tanto presencial coma telemático.

Ao longo de 2019, as oficinas integrais das catro provincias asesoraron a un total de 3.442 familias, interesadas en coñecer as liñas de apoio coas que a Xunta de Galicia conta para axudarlles a consolidar o seu regreso, así como os canais existentes para homologar estudos, facilitar a tramitación da documentación persoal e a presentación de solicitudes de subvencións e prestacións.

Así, en total, realizáronse 12.369 consultas, das cales, 2.255 estaban relacionadas con temas educativos (escolarización de menores, formación regrada, formación para o emprego, homologación de estudos...); 5.659 tiveron que ver con temas sociais como asistencia sanitaria, autorizacións de residencia, axudas económicas, prestacións ou vivenda; 2.912 tiñan que ver con temas laborais como información acerca do emprego por conta allea ou axudas ao autoemprego, e finalmente, 1.543 cuestións tiñan relación con outros trámites.

Por provincias, en A Coruña (oficinas de Santiago e A Coruña) tivo 8.441 consultas (das cales, 1.398 foron cuestións educativas, 3.888 sociais e 1.998 laborais); enOurense contabilizáronse 1.078 (dos cales, 150 foron cuestións educativas, 500 sociais e 278 laborais); Pontevedra concentrou un total de 2.153 consultas (dos cales, 563 foron cuestións educativas, 984 sociais e 475 laborais); e finalmente en Lugo houbo 697 (dos cales, 144 foron cuestións educativas, 287 sociais e 161 laborais.

A posta en marcha destas oficinas forma parte da Estratexia Retorna que está a desenvolver o Goberno galego cun orzamento global de máis de 235 millóns, dos que máis de 15 abarcan medidas específicas de fomento do retorno.

“As cifras indícannos que imos polo bo camiño: o 2019 continuamos tendo crecemento do retorno, con 6.574 galegos que volveron á súa terra, o que sitúa o total da lexislatura por riba dos 24.700 retornados”, salientou o secretario xeral que, neste marco, puxo en valor a importancia dunha infraestrutura que permitirá “acompañar persoalmente aos galegos do exterior en todo o proceso de retorno”.

Finalmente, e ante o inicio do Ano Santo, o secretario xeral destacou que o emprazamento da oficina de Santiago ten un importante contido simbólico para o 2021, xa que se atopa situada no edificio que foi o Pavillón de Galicia na Expo 92, ‘Edificio Xacobeo’: “Daquela ensinou ao mundo o que era Galicia, e agora permitirá orientar aos galegos do exterior na súa volta á casa”.

Imaxes relacionadas