Galicia elimina practicamente a fenda dixital de xénero que se sitúa nun 0,6%

En tres anos as diferencias no uso de internet entre galegos e galegas reducíronse un 80% e sitúanse na media da Unión Europea

Entre as mulleres cun nivel formativo secundario ou superior, o emprego de internet é igual ou superior ao dos homes

Atendendo á idade ata os 64 anos as mulleres superan ou igualan aos homes o acceso á rede
? Tres de cada catro mulleres galegas de 16 a 24 anos compraron a través de Internet, 6,1 puntos máis que os homes neste tramo de idade

O uso de ordenador e teléfono móbil é superior entre as mulleres galegas, excepto nos tramos de idade máis avanzada

Dúas de cada tres mulleres que usan internet, utilizárono nos últimos tres meses para descargar ou enviar formularios ás administracións públicas

Santiago de Compostela, 1 de xaneiro de 2020

No uso de Internet, as diferenzas entre os homes e as mulleres galegas son mínimas: O 85,3% das galegas fronte ao 85,9% dos galegos utilizaron Internet nos últimos tres meses. O uso da Rede entre as mulleres galegas acada así a media que se rexistra na Unión Europea.

En termos evolutivos, a fenda de xénero no uso de internet redúcese nun 80%, ao pasar de 3 puntos porcentuais a 0,6 entre 2016 e 2019. Cando se acada un nivel formativo secundario ou superior, o uso de internet é igual ou superior para as mulleres que para os homes. Atendendo á idade, o uso de Internet entre as mulleres supera ou iguala á porcentaxe de homes ata os 64 anos.

Son as conclusións dos resultados do informe “A Sociedade da Información desde unha perspectiva de xénero”, que publica hoxe o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

Este informe analiza comparativamente os principais indicadores que definen as diferenzas de xénero no acceso e uso das tecnoloxías da información e da comunicación en Galicia, a partir de datos propios do OSIMGA obtidos no marco do convenio asinado co IGE.

Uso das TIC entre as mulleres galegas

Na actualidade, en Galicia apenas se rexistran diferencias segundo o xénero no uso de dispositivos electrónicos teléfono móbil con capacidade de acceso a Internet, ordenador de sobremesa, portátil, tablet…). O 87,4% das galegas fronte ao 88% dos galegos utilizaron o ordenador nos últimos tres meses. Os resultados amosan que o uso deste tipo de dispositivos é incluso superior entre as mulleres galegas, excepto nos tramos de idade máis avanzada.

Tres de cada catro mulleres galegas de 16 a 24 anos compraron a través de Internet, 6,1 puntos porcentuais máis que os homes nese tramo de idade. A proporción de mulleres que compran a través da Rede é máis elevada que a de homes en todos os tramos de idade inferiores aos 55 anos. Non obstante, en termos globais, a porcentaxe de homes que compran a través da Rede en Galicia é superior en 2,1 puntos á que se rexistra entre as mulleres

Con respecto ao uso da eAdministración desde a perspectiva de xénero, as diferenzas son mínimas: tanto na obtención de información, descarga e entrega de documentación ou obtención de documentos persoais, a fenda de xénero é inferior aos dous puntos porcentuais.

Así, dúas de cada tres mulleres galegas que usan internet, utilizárono para descargar ou encher formularios das administracións públicas e superan en máis de 10 puntos á media española e europea na interacción coas administracións públicas para obter información, descargar ou obter formularios.

Poden consultarse os datos deste informe na seguinte ligazón: www.osimga.gal.

Imaxes relacionadas