A Xunta destina dous millóns de euros á contratación de xestores en empresas galegas para impulsar as vendas no exterior

O obxectivo é que pemes e organismos empresariais empreguen expertos en comercio exterior para a realización de proxectos de internacionalización

O programa da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación facilitará a incorporación ao mercado laboral de 75 mozos profesionais e maiores de 45 anos en situación de desemprego

Increméntanse os apoios, que poden cubrir o 80% do salario neto por un máximo de 18 meses ou o 90% no caso da contratación de mulleres e mozos inscritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil
 

Santiago de Compostela, 1 de xaneiro de 2021

A Xunta de Galicia vai achegar dous millóns de euros ás empresas e organismos empresariais galegos (clústeres, asociacións, consellos reguladores, centros tecnolóxicos ou de apoio á innovación tecnolóxica, entre outros) para a contratación de 75 xestores de comercio exterior que se ocuparán do desenvolvemento de proxectos de internacionalización. Os técnicos contratados poderán ser mozas e mozos nacidos a partir de 1985 ou profesionais de máis idade, especialmente maiores de 45 anos en situación de desemprego, todos eles con formación ou experiencia na materia.

O obxectivo deste programa da Vicepresidencia económica e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través do Igape, é impulsar a internacionalización das empresas galegas e ao mesmo tempo facilitar a incorporación ao mercado laboral de profesionais neste ámbito. Posta en marcha en 2009, este programa leva facilitado a contratación de máis de 350 xestores. Deste xeito, a iniciativa, que se publicará no Diario Oficial de Galicia nas próximas semanas, busca facilitar ás pemes galegas o acceso a novos mercados, poñendo ao seu alcance axudas que se incrementan na nova convocatoria e poden cubrir o 80% do salario neto ou o 90% no caso da contratación de mulleres e mozos inscritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, un 10% máis que nas pasadas edicións.

Introdúcense tamén agora como novidades a ampliación do período subvencionable de contratación máximo de 15 a 18 meses e a posibilidade de acceder a anticipos pola metade da axuda concedida a cada beneficiario. Ademais, os apoios poderán incluír os contratos xa activos desde o 14 do pasado mes de marzo, cando se activou por vez primeira o estado de alarma pola situación sanitaria creada pola covid-19. Co reforzo desta liña de axudas a Xunta continúa desenvolvendo a súa aposta pola presenza exterior do tecido empresarial galego como un dos piares da reactivación e dinamización económica no actual contexto.
 

Imaxes relacionadas