A Xunta somete a información pública a optimización do trazado da prolongación da Vía Ártabra ata a súa conexión coa autoestrada AP-9

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio de inicio do procedemento, cun prazo ata o 12 de febreiro para que os interesados presenten as súas suxestións

Trátase de evitar toda afección á zona húmida da Gándara, de manter a canle natural do río e de avanzar para conectar esta vía autonómica libre de peaxe coa Autoestrada do Atlántico

O documento inclúe as modificacións ao proxecto orixinal, garantindo a viabilidade da continuación ata a AP-9, do mesmo modo que o trazado xa aprobado

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2020

A Xunta somete a información pública a optimización do trazado da prolongación da Vía Ártabra, no treito que une a estrada N-VI coa autoestrada AP-9, dando continuidade ao treito actualmente en servizo desta infraestrutura libre de peaxe, entre O Castelo e estrada N-VI.

Trátase de incluír melloras ao deseño inicial do trazado da autovía AG-13 para, dunha banda, minimizar a afección á zona húmida da Gándara, atendendo á petición do Concello de Cambre, propoñendo así unha mellora ambiental do documento inicial, de acordo co previsto na Declaración de Impacto Ambiental vixente. Doutra banda, trátase de avanzar na conexión desta vía libre de peaxe coa Autoestrada do Atlántico.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio de inicio deste procedemento, que establece un prazo dun mes, desde mañá e ata o vindeiro día 12 de febrero de 2021, para que os interesados presenten as súas suxestións. O anuncio recolle tamén a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto. No seguinte enlace ao DOG pode consultarse a información: https://xurl.es/a5op7

O documento sometido a información pública reflicte as modificacións e melloras ambientais da 1ª fase da prolongación da Vía Ártabra, que se está a executar entre o enlace da N-VI e a estrada autonómica AC-221, San Pedro de Nós-Mabegondo, incluíndo, ademais, o proxecto de prolongación ata AP-9, que se prevía executar nunha 2ª fase.

Entre os aspectos definidos e valorados neste documento inclúense as modificacións ao proxecto orixinal, garantindo a viabilidade da continuación ata a autoestrada AP-9, do mesmo modo que o trazado xa aprobado.

Con respecto ás melloras ambientais, o trazado axustado sepárase significativamente da zona húmida, adáptanse as estruturas para permitir que o río Gándara circule en todo momento pola súa canle natural e incluso se mellora o paso do río baixo dúas vías de titularidade municipal.

En relación á conexión coa AP-9, que debe ser autorizada polo Ministerio de Transportes, o departamento de Infraestruturas da Xunta confirmou coa administración titular da autoestrada e coa concesionaria a viabilidade de executar a 2ª fase da Vía Ártabra simultaneamente coa fase 1ª, xa en construción. Isto permitirá avanzar na conexión da vía autonómica libre de peaxe coa autoestrada estatal AP-9.

Infraestrutura estratéxica para Xunta

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está a executar as obras da 1ª fase de prolongación da Vía Ártabra ata autoestrada AP-9, que dá continuidade aos 10 km, xa en servizo, entre O Castelo e a estrada N-VI.

Cómpre lembrar que este contrato xa inclúe a posibilidade de modificar o mesmo para executar a segunda fase da obra e chegar ata a AP-9 en canto o Ministerio de Fomento autorice esa conexión, cun investimento total de máis de 40 millóns de euros.

A Vía Ártabra é unha infraestrutura estratéxica para a Xunta de Galicia, definida no Plan Sectorial da Rede viaria da Coruña, Arteixo, Culleredo, Cambre e Oleiros, cuxos obxectivos son lograr mellorar as comunicacións na área da Coruña e articular unha vía transversal para facilitar os tráficos de entrada á cidade a través da N-VI e AP-9.