Augas de Galicia enviou o documento e os informes sectoriais e de supervisión

A Xunta remítelle ao Concello de Melide o proxecto de conexión das augas residuais do polígono industrial da Madanela coa depuradora municipal

A redacción do proxecto supuxo un investimento autonómico de máis de 16.000 euros

Augas de Galicia cumpre o seu compromiso de apoio técnico ao Concello para solucionar o problema de vertidos ao río Furelos, procedentes do polígono

Este proxecto permite ao Concello executar as obras, para o que é necesario que as empresas do polígono traten a súas augas residuais antes de conectalas á rede municipal e obteñan da entidade local o correspondente permiso de vertido

A Xunta prestou apoio técnico ao Concello para deseñar un plan de control de vertidos para a rede municipal do polígono industrial coa fin de colaborar no seu deber de control
 

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2020

A Consellería de Infraestruturas Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de remitirlle ao Concello de Melide o proxecto para a conexión das augas residuais do polígono da Madanela coa depuradora municipal.

Augas de Galicia, enviou o documento co deseño de conexión das augas fecais do polígono industrial co sistema de saneamento de Melide, así como os informes sectoriais e de supervisión.

O contrato para a conexión do polígono industrial coa depuradora foi adxudicado pola Xunta por máis de 16.000 euros.

A xestión desa depuradora está xa a ser realizada pola Xunta, que presta así tamén apoio ao Concello nesa competencia municipal de depuración das augas residuais.

A Xunta cumpre así o seu compromiso de apoio técnico ao Concello de Melide para solucionar o problema de vertidos contaminantes ao río Furelos, derivada dos vertidos procedentes do polígono industrial da Madanela, que motivou xa varios expedientes sancionadores por parte da Xunta ao Concello.

A actuación proxectada permite a execución das obras por parte do Concello de Melide, para o que é necesario que as empresas do polígono traten as súas augas residuais antes de conectalas á rede municipal e obteñan por parte desa administración o correspondente permiso de vertido. Tamén, o Concello de Melide ten a responsabilidade de velar por que esas augas cumpran cos parámetros de vertido establecidos.

Neste eido, a Xunta prestou apoio técnico ao Concello para deseñar un plan de control de vertidos para a rede municipal do polígono industrial co fin de colaborar no seu deber de control.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade continúa achegando o seu apoio técnico e financeiro aos concellos para que poidan prestar de xeito eficaz os servizos de saneamento e abastecemento.