A biblioteca municipal de Sarria aumenta o seu espazo de almacenamento e estrea unha sala de estudo co apoio da Xunta

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, visitou hoxe as instalacións onde se acondicionou a planta semisoto e se gañaron metros na planta principal

É un dos concellos beneficiarios das axudas do Goberno autonómico para a mellora de locais culturais que permitiron modernizar 39 instalacións en Galicia
 

Sarria (Lugo), 29 de decembro de 2020

A Biblioteca Pública Municipal de Sarria vén de aumentar o seu espazo de almacenamento e estrear unha nova sala de estudo no marco das liñas de subvención destinadas á mellora e equipamento das instalacións e locais de concellos dedicados a actividades de carácter cultural nas que a Xunta de Galicia investiu este ano preto de 500.000 euros.

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, visitou hoxe as instalacións, onde puxo de manifesto a importancia dunhas actuacións que, dixo, “suporán un importante impulso para dinamizar a actividade cultural de Sarria” facilitando o acceso á lectura e consulta de libros así como “mellorando os servizos a escolares, veciños e residentes do municipio” Recordou, ademais, a aposta do Goberno galego por primar dentro da liña de axudas de equipamentos culturais as melloras nas bibliotecas locais “por tratarse de centros especialmente estratéxicos para garantir o acceso á cultura diversificado e descentralizado en Galicia”.

Salientou, ademais, o reforzo do apoio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade en 2021 ás actividades das bibliotecas galegas cun incremento nas partidas orzamentarias dun 3%, así como para as actividades de promoción da lectura e do libro con incrementos neste caso de preto dun 12%.

A Biblioteca Municipal está situada no edificio da Casa da Cultura no que ata o de agora convivían zonas dedicadas á consulta e lectura coa zona de estudo. As actuacións levadas a cabo incluíron modificar a ubicación da sala de estudos acondicionando a planta semisoto que se atopaba en desuso ou cun uso moi esporádico. Deste xeito, a planta principal gaña agora espazo para consulta e almacenamento da biblioteca. Aproveitando esta intervención tamén se unen mediante unha escaleira interna de xeito que a biblioteca e a sala de estudos permanezan unidas e á vez podan funcionar de maneira independente.

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade axudou con máis de 24.000 euros para esta intervención incluída na liña de subvencións na que este ano se beneficiaron un total de 39 proxectos de mellora en instalacións culturais doutros tantos concellos das catro provincias galegas. Entre todos eles inclúese un destacado apoio aos proxectos en bibliotecas e arquivos sendo beneficiarios 14 concellos.

Imaxes relacionadas