Ethel Vázquez anuncia a licitación por 305.000 euros das obras de construción dunha nova glorieta na estrada AC-550 en xuño que mellorarán a seguridade viaria nesa contorna de Porto do Son

Concreta que as empresas teñen ata o vindeiro 2 de febreiro para presentar as ofertas para as obras, que se iniciarán a finais da primavera e estarán rematadas en 2021

Executarase unha nova glorieta no cruzamento coas vías da igrexa e da praia das Furnas para optimizar os movementos e mellorar a seguridade viaria no lugar do Cruceiro, nun treito da AC-550 polo que circulan máis de 500.000 vehículos ao día

Manteranse os aparcadoiros existentes na contorna, tanto na marxe dereita como esquerda, adaptándoos ao novo trazado da glorieta
 

Porto do Son (A Coruña), 29 de decembro de 2020

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou hoxe a licitación por importe 305.000 euros das obras de construción duna nova glorieta na estrada autonómica AC-550 en Xuño, que mellorarán a seguridade viaria nesa contorna do concello de Porto do Son.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade, xunto co delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, mantivo un encontro de traballo co alcalde, Luis Oujo, a quen lle trasladou que hoxe mesmo a Plataforma de Contratos Públicos da Xunta publica a licitación das obras da nova glorieta de Xuño. As empresas teñen agora ata o 2 de febreiro para presentar as súas ofertas para a execución dos traballos, que se iniciarán a finais da primavera e estarán rematados nese mesmo ano 2021.

Segundo precisou Ethel Vázquez, a actuación ten por obxecto optimizar os movementos do tráfico rodado e mellorar a seguridade no lugar do Cruceiro, na parroquia de Santa María de Xuño. Para iso executarase esa nova glorieta na estrada AC-550, na intersección que conecta coa vía que leva á igrexa, pola marxe esquerda, e co viario que se dirixe ao colexio, ao centro de saúde e á praia das Furnas, pola marxe dereita.

A nova rotonda, cun diámetro de 28 metros, busca que os condutores perciban mellor o cambio entre a zona urbana e a zona interurbana e, deste modo, moderen a velocidade nesa zona.

Os principais traballos centraranse na execución da nova glorieta, con catro vías que concorren nela. Esas vías que acceden á rotonda contarán cun ancho de 3,50 metros por carril, salvo á que dá acceso á praia das Furnas, onde se adoptará o ancho actual de 2,50 metros.

A intervención completarase coa execución de muros de contención na zona leste e na marxe dereita da vía á igrexa, coa reposición do firme e da sinalización e coa colocación das defensas necesarias na estrada tras a execución das obras. Ademais, reporanse todos os servizos de electricidade, telefonía, abastecemento, pluviais fecais e alumeado que se vexan afectados polas obras.

A intervención prevista permitirá manter os aparcadoiros existentes na contorna, tanto na marxe dereita coma na esquerda, adaptándoos ao novo trazado da glorieta.

A conselleira de Infraestruturas precisou que para incrementar a seguridade peonil se vai habilitar un paso de peóns en dirección a Ribeira, a unha distancia duns 35 metros da glorieta. Reforzarase así a seguridade dos veciños que realicen os seus desprazamentos a pé, tendo en conta que os peóns son usuarios vulnerables das estradas.

A actuación suporá un investimento global da Xunta superior aos 322.000 euros, tendo en conta as expropiacións das 7 parcelas necesarias para a execución das obras e os servizos afectados.

Ethel Vázquez destacou que se trata dunha actuación “importante” de mellora da seguridade viaria en Porto do Son coa construción da nova glorieta de Xuño, precisamente nun treito da estrada autonómica AC-550 que rexistra unha intensidade media de tráfico de máis de 5.000 vehículos ao día.

Lembrou, ademais, que esta actuación se vén sumar á xa realizada nesta estrada en Portosín, para a eliminación do treito de concentración de accidentes na que tamén se construíu unha nova rotonda. Polo tanto, salientou, un investimento conxunto da Xunta superior aos 800.000 euros para reforzar a seguridade viaria e a mobilidade dos veciños de Porto do Son.

 

Imaxes relacionadas