A Xunta adxudica a redacción do proxecto construtivo do abastecemento e saneamento nas parroquias de Lema, Vilela, Noicela e Rebordelos, no Concello de Carballo

Este contrato conta cun investimento que rolda os 15.000 euros e un prazo de execución de 6 meses

Definirá a nivel construtivo unha rede de abastecemento de 16,7 km e unha de saneamento de 9,7 km de saneamento, con 6 bombeos e un grupo de presión

Os traballos son a base necesaria para levar a cabo os diferentes trámites administrativos para poder licitar as obras

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mantén o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que presten de xeito eficaz os servizos de saneamento e abastecemento, de competencia municipal

Santiago de Compostela, 29 de decembre de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de adxudicar a redacción do proxecto construtivo do abastecemento e saneamento nas parroquias de Lema, Vilela, Noicela e Rebordelos, no concello de Carballo.

Este contrato, cun investimento autonómico que rolda os 15.000 euros, foi adxudicado á empresa Estudio Técnico de Consultoría de Ingeniería, Integrados, S.L. Os traballos contan cun prazo de execución de 6 meses.

Con este traballo dáse resposta á solicitude do Concello para dotar destes servizos, de competencia municipal, mediante a contratación dos traballos de redacción dun proxecto construtivo de abastecemento e saneamento utilizando unha gabia compartida, sempre que sexa posible, aos distintos lugares das citadas parroquias.

A actuación obxecto deste contrato consiste en definir, a nivel construtivo, unha rede de abastecemento de 16,7 km e unha de saneamento de 9,7 km de saneamento, con 6 bombeos e un grupo de presión.

Estes traballos permitirán a definición das actuacións a desenvolver, sendo a base necesaria para levar a cabo os diferentes trámites administrativos para poder licitar as obras contempladas.

Abastecemento e saneamento aos distintos núcleos

As redes de abastecemento a proxectar buscan dotar deste servizo na parroquia de Lema, aos lugares de: Sambade, Regueira de Arriba, Regueira de Abaixo, A Chamusqueira, Agramaior e Centeás; e na parroquia de Vilela, ao Salto, As Travesas, Castelo, San Miguel e Vilela. No caso da parroquia de Noicela, esta rede servirá aos lugares da Algara, O Rapadorio, As Infantas, O Campo e a Casanova; e na parroquia de Rebordelos, ao lugar de Rebordelos.

Así mesmo, este contrato inclúe a definición da rede de saneamento na parroquia de Cásanola Lema, nos lugares de: Regueira de Arriba, Regueira de Abaixo, A Chamusqueira e Agramaior; e na parroquia de Vilela, en San Miguel e en Vilela. Tamén inclúe o saneamento nos lugares da parroquia de Noicela: da Algara, O Rapadoiro, As Infantas, O Campo e a Casanova; e na parroquia de Rebordelos, nos lugares de Rebordelos, Vilar de Peres e Constenla.

A Xunta mantén o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que estes poidan prestar de xeito eficaz os servizos de saneamento e abastecemento, que son de competencia municipal.