Medio Ambiente apoia ao Concello de Vilar de Santos no impulso de actuacións en materia de rehabilitación

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o rexedor municipal mantiveron unha reunión por videoconferencia na que revisaron as distintas actuacións e apoios do Goberno galego en materia de rehabilitación e rexeneración urbana

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2020

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, animou ao rexedor municipal a impulsar a rehabilitación do Concello de Vilar de Santos, a través da Área de Rehabilitación Integral.

A conselleira de Medio Ambiente e o rexedor municipal, Xoán Xosé Jardón Pedras, mantiveron unha reunión a través dunha videoconferencia, na que lle recordou que este concello conta cunha ARI desde xuño de 2011 e que na última convocatoria, a de 2020, recibiu un importe de case 40.000 euros para continuar coa recuperación do patrimonio edificatorio do concello.

Estes investimentos súmase á axuda concedida ao Concello ao abeiro do Programa de rehabilitación de vivendas de mestres e outros oficios, xa que a Xunta achegou unha axuda de case 32.500 euros.

Ángeles Vázquez salientou a implicación do Goberno galego coa rexeneración urbana deste concello ourensán e recordou que colaborou na execución dunha actuación de humanización e mellora da rúa Saínza e da rúa do Forno, cun importe de 215.000 euros.

A conselleira de Medio Ambiente invitou ao rexedor municipal a seguir e continuar por dita senda de traballo, pois coa recuperación do patrimonio dun concello se sentan as bases para a recuperación e dinamización das vilas, ao tempo que se fomentan o turismo sostible e respectuoso.

Imaxes relacionadas