A Xunta remata as obras de estabilización dun noiro na estrada autonómica PO-308 en Raxó, no Concello de Poio

Os traballos supuxeron un investimento autonómico superior aos 28.000 euros

Mellorouse a estabilidade deste noiro coa fin de evitar posibles desprendementos

As obras consistiron na instalación de bulóns e dunha malla metálica, con cables de reforzo verticais e horizontais ancorados aos primeiros elementos

O departamento de Infraestruturas da Xunta continúa traballando no mantemento das estradas autonómicas co obxectivo de reforzar a seguridade viaria

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade rematou as obras de estabilización dun noiro na estrada PO-308, en Raxó, no concello de Poio.

A intervención supuxo un investimento autonómico de máis de 28.000 euros e os traballos centráronse na mellora da estabilidade dun noiro na marxe dereita da estrada autonómica ao seu paso por Raxó, entre os puntos quilométricos 10+630 ao 10+680, coa fin de evitar posibles desprendementos.

As obras levadas a cabo comezaron pola roza e limpeza do noiro, para a continuación proceder á instalación de bulóns, elementos que se introducen no noiro no que se inxecta morteiro de modo que se suxeiten posibles desprendementos.

Tamén se colocou unha malla metálica superficial, con cables de reforzo verticais e horizontais de 8 mm de diámetro ancorados aos bulóns.

O departamento de Infraestruturas da Xunta continúa traballando no mantemento das estradas autonómicas co obxectivo de reforzar a seguridade viaria.

Imaxes relacionadas