A Xunta publica no DOG o Decreto de expropiacións para reforzar a seguridade viaria nun treito de concentración de accidentes na estrada PO-403, en Ponteareas

A intervención conta cun investimento autonómico de 650.000 euros, no que se inclúe o pagamento dos 24 predios necesarios para executar esta obra

A Consellería de Infraestruturas procederá ao levantamento de actas previas e á licitación das obras no 1º trimestre de 2021, cun prazo de execución de 8 meses

Actuarase nun treito de 1,6 quilómetros, entre o enlace coa A-52 e o final da travesía de Angoares

Esta intervención mellorará as interseccións para facilitar os movementos con maior visibilidade e reforzará a seguridade nos pasos de peóns

A actuación incorpora as achegas presentadas durante o proceso de información pública para ampliar as beirarrúas e estender o treito de itinerario peonil continuo

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia o decreto polo que se declara a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios para executar as obras de mellora da seguridade viaria no treito de concentración de accidentes da estrada PO-403 ao seu paso polo concello de Ponteareas.

O orzamento destinado polo Goberno galego a este proxecto rolda os 650.000 euros, nos que se inclúen os preto de 61.000 euros para o pagamento das expropiacións dos 24 predios necesarios para executar esta actuación. No seguinte enlace ao DOG pode consultarse a información: https://xurl.es/m6rhq

Esta intervención enmárcase na estratexia do Goberno galego para a eliminación dos treitos de concentración de accidentes na rede viaria autonómica. Os traballos comprenden un tramo de 1,6 quilómetros de lonxitude, desde o punto quilométrico 8+600, despois do enlace coa autovía das Rías Baixas, a A-52, e o final da travesía de Angoares, no punto quilométrico 10+200.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade procederá á convocatoria do levantamento de actas previas e á licitación das obras no primeiro trimestre de 2021. Os traballos teñen un prazo de execución de 8 meses.

As intervencións proxectadas polo departamento de Infraestrutura da Xunta teñen como principais obxectivos a mellora e reordenación das interseccións con maior accidentalidade, mediante a execución de cuñas de desaceleración ou aceleración, que faciliten os movementos de saída e incorporación á estrada autonómica para evitar a probabilidade de alcance e incrementar a visibilidade.

Nas obras prevese, tamén, a creación de puntos específicos para realizar os xiros á esquerda e cambios de sentido con suficiente visibilidade, o que permitirá ademais reordenar outras interseccións próximas, limitando xiros que non se realizan actualmente nas condicións desexables de visibilidade.

Con esta intervención tamén se mellorará a seguridade nos pasos de peóns, establecendo medidas que garantan a súa visibilidade, mediante a restrición do aparcadoiro nas súas aproximacións ou a ampliación da beirarrúas no paso de peóns.

Principais actuacións

Máis en concreto, as principais actuacións proxectadas inclúen a mellora da intersección actual no punto quilométrico 8+860, coa creación dunha semiglorieta para un cambio de sentido, e a execución dunha glorieta no punto 9+380 para calmar o tráfico e reordenar as saídas próximas.

A actuación incorpora, ademais, as achegas presentadas ao proxecto inicial e inclúe a ampliación das beirarrúas, desde o punto quilométrico 9+210 ata a nova glorieta no punto 9+380, para completar un itinerario peonil continuo polas dúas marxes da estrada no treito obxecto da actuación. Esta intervención tamén atende á solicitude para mellorar a seguridade peonil coa protección do paso de peóns no punto quilométrico 9+160.

A intervención completarase coa actuación na intersección da PO-403, no punto quilométrico 9+920, mellorando a súa visibilidade coa execución de cuñas de cambio de velocidade e dun carril central.