A Xunta lanza unha nova versión de Passcovid máis intuitiva e con novas funcionalidades

Incorpora a autodeclaración de contactos para as persoas que estiveran en contacto cun positivo

Simplifica o acceso, eliminando a necesidade de elixir entre usuario anónimo e autenticado

Actívase o rexistro de establecementos con código QR, que permitirá aos usuarios recibir alerta en caso de concentración de contaxios

Desde finais de outubro máis de 58.000 persoas descargaron a app que pode empregar calquera cidadán que se atope na Comunidade, tanto residentes como transeúntes

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2020

A Xunta lanza unha nova versión da aplicación PassCovid máis intuitiva e con novas funcionalidades. Así a app posibilita a autodeclaración de contactos para que as persoas que estiveran en contacto cun positivo poidan trasladar esta información desde o móbil ao Centro de Seguimento de Contactos. Outra das novidades é que se simplifica o acceso, evitando aos usuarios a obrigatoriedade de elixir entre usuario anónimo e identificado e, ademais, xa se está a activar progresivamente o rexistro en establecementos.

Información xeral e por concellos

Desde finais de outubro máis de 58.000 persoas descargaron PassCovid, unha app para axudar ao coidarnos fronte á Covid e unha canle de contacto permanente entre as autoridades sanitarias e a poboación para estar informados e axudar na xestión da crise.

A aplicación ofrece a todas as persoas que a descarguen información actualizada da situación da pandemia e das restricións vixentes en cada concello, así como avisos das autoridades, novidades e, as recomendacións actualizadas.

Información personalizada

Se o usuario se identifica co Chave 365 terá acceso a información personalizada. No caso de ser diagnosticado de COVID-19, recibirá un aviso e poderá consultar a súa situación no apartado “Estado Covid” e recibir recomendacións personalizadas, e trasladar contactos estreitos ao Servizo Galego de Saúde e agora tamén realizar unha autodeclaración de contactos no caso de que mantivese contacto cun positivo

No caso de ser diagnosticado e ter instalada tamén a aplicación Radar Covid, poderá consultar desde PassCovid o código que hai que introducir e Radar Covid.

Ademais, Pass Covid permite realizar desde o móbil o auto-test, acceder á plataforma de asistencia domiciliaria e ao formulario de rexistro de estancia de viaxeiros en Galicia.

Rexistro en establecementos

Para facilitar a xestión temperá de posibles contactos en establecementos PassCOVID tamén permite ao usuario rexistrar, a través dun código QR, aqueles establecementos nos que estivese.

Esta funcionalidade, que está a ter unha activación progresiva, permite a autoridade sanitaria enviar un aviso á PassCOVID en caso de determinar que nun establecemento concentrouse un número de contaxios relevante nunha data ou datas concretas. Se un usuario da app estivo nese local e o rexistrou debidamente, recibirá un aviso da situación e as instrucións adecuadas.

Ademais, se a persoa é diagnosticada de COVID-19, poderá compartir co Servizo Galego de Saúde a súa listaxe de establecementos e así colaborar coa xestión da pandemia