A Cidade da Cultura festexa con Cantos de Reis o seu primeiro Concerto de Nadal con Xesús Vaamonde e Xosé Lois Romero

A Museo Gaiás acolle esta tarde a actuación de balde destes dous músicos que están a recuperar composicións e instrumentos tradicionais

A programación musical retomarase o luns 28 de decembro coas panxoliñas e cos axóuxeres de Soledad Felloza acompañada pola Ensemble ConcertArt

As versións rock de clásicos galegos de Uxía Lambona e a Banda Molona serán o alfinete musical do Nadal no Gaiás, que manterá prendidas ata o 6 de xaneiro a iluminación exterior e a grande árbore de Nadal de luces e sons de Marta Verde

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2020

A Cidade da Cultura de Galicia festexa esta tarde con Cantos de Reis o seu primeiro concerto da programación de Nadal para o que conta con Xesús Vaamonde e Xosé Lois Romero, dous músicos que están a recuperar composicións e instrumentos tradicionais.

O Museo Centro Gaiás acolle ás 18,00 horas este espectáculo –de balde previa retirada de convites como todos os da programación de Nadal no Gaiás– pensado para todas as idades, xa que Vaamonde e Romero conxugan nas súas propostas enriba do escenario diversión sen esquecer a faciana didáctica, dentro do seu proxecto musical de recompilar e difundir a nosa música de raíz, a través de instrumentos tradicionais coa idea de que se recupere o seu uso. Todo isto adobiado con bo humor e coa calidade como intérpretes que caracteriza a ambos.

O segundo dos concertos de Nadal no Gaiás será o vindeiro luns, 28 de decembro, tamén ás 18,00 horas. Desta quenda, serán as panxoliñas e os axóuxeres os protagonistas, da man de Soledad Felloza, unha das contadoras máis coñecidas e tamén premiadas en Galicia. A narradora oral estará acompañada pola Ensemble ConcertArt, un cuarteto de corda formado por músicos da Orquestra Sinfónica de Galicia .

O alfinete a esta programación musical virá de Uxía Lambona e a Orquestra Molona o 4 de xaneiro. Esta formación de música infantil recolle os clásicos populares galegos dándolle o seu toque particular, dende A Carolina rapeada ata O Jato rockeiro, pasando por outros moitos temas tradicionais, todos eles moi dinámicos, coa intención de facer partícipes a todos os nenos e nenas que asistan á actuación, ateigada de bailes, xogos, coreografías e algunha que outra sorpresa.

Retransmisión en ‘streaming’

As tres actuacións serán retransmitidas en liña pola canle de YouTube da Cidade da Cultura para, deste xeito, compensar a limitación de prazas dispoñibles polas restricións que marcan as actuais medidas de seguridade sanitaria pola situación da covid-19. Todos os concertos presenciais seguirán o protocolo establecido ante a pandemia.

Iluminación exterior e grande árbore de Nadal

Durante todos estas festas e ata o 6 de xaneiro, a Cidade da Cultura de Galicia manterá a súa iluminación exterior de Nadal, inspirada na Vía láctea, simboloxía próxima ás rutas xacobeas. Esta decoración está completada cunha árbore luminosa no cumio do Monte Gaiás, no Bosque de Galicia, visible desde diferentes puntos do centro de Compostela.

Ademais, no interior do Museo Centro Gaiás cóntase ata o 6 de xaneiro coa grande árbore de Nadal deseñada polo estudio de arquitectura Nómada. Nesta ocasión, ateigada de lámpadas das que se desprenden luces de cores e música, grazas á intervención da coñecida artista visual galega Marta Verde.

A artista pontevedresa incorporou a certas lámpadas da árbore a posibilidade de que poidan ser activadas polas persoas que se acheguen. Deste xeito, as marcadas cun punto vermello actívanse coa luz da lanterna do móbil, dándolle ao ou á visitante a posibilidade de xogar coa luz e sons que desprende.

‘Nadal de cine: Súper8’ e ‘Cinema e emocións’

A programación do Gaiás complétase ata o 6 de xaneiro cunha instalación audiovisual no andar 0 do Museo Centro Gaiás, Nadal Super8, na que se proxecta unha peza creada con gravacións caseiras e familiares do Nadal, feitas neste tipo de fitas nos anos 70 do século pasado. Trátase dunha viaxe audiovisual afectiva e entrañable á celebración destas festas noutras épocas.

Hai que lembrar que entre as exposicións actuais do Museo Centro Gaiás atópase Cinema e emocións, unha mostra moi axeitada para plans en familia nestas celebracións con vacacións escolares, xa que se fai un percorrido a películas míticas que marcaron a infancia de moitas e diferentes xeracións. De entrada de balde e aberta de martes a domingo, de 10,00 a 20,00 horas.