A Xunta remata a ampliación da rede de saneamento en Lobios, que permite recoller as augas residuais da residencia da terceira idade para a súa posterior depuración

A intervención, cun investimento autonómico de máis de 30.000 euros, centrouse na construción dun pozo de bombeo e na conexión coa rede municipal de saneamento

Augas de Galicia entregoulle ao Concello a nova infraestrutura

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mantén o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que poidan prestar de xeito eficaz os servizos de saneamento e abastecemento
 

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, rematou as obras de ampliación da rede de saneamento en Lobios. A nova infraestrutura vén de ser entregada ao Concello.

Esta intervención, cun investimento autonómico de máis de 30.000 euros, centrouse na construción dun pozo de bombeo para recoller as augas residuais da residencia da terceira idade Nosa Señora do Xurés, procedentes da planta de soto, e a súa conexión coa rede de saneamento municipal para a súa posterior depuración.

Nesta obra executouse un pozo de bombeo, con dúas bombas con funcionamento alternativo, autoaxuste, cadro eléctrico para as dúas bombas, válvulas de comporta, válvulas de retorno a bola, carrete de desmonte e tubo guía para o axuste das bombas. As bombas, con potencia de entrada de 1,3 kW, contan cunha potencia nominal de 0,9 kW e caudal real calculado de 6,041 m3 /h.

Nas obras incluíuse a instalación dunha lousa de formigón armado e tapa de fundición neste pozo, que se sitúa en zona de tránsito.

A actuación completouse coa execución dun colector de 202 metros de saída para a súa conexión coa rede municipal.

Esta obra dá resposta á solicitude do Concello de Lobios, que xestionou e puxo á disposición os terreos necesarios para a realización destes traballos.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mantén o seu apoio técnico e financeiro aos concellos para que estes poidan prestar de xeito eficaz os servizos de saneamento e abastecemento, que son de competencia municipal.