Medio Ambiente destina 330.000 euros ás obras de rehabilitación da antiga casa do Concello de Salvaterra, que comezarán en xaneiro

Os traballos a executar, cun prazo estimado de nove meses, centraranse na recuperación interior do edificio para destinalo á nova biblioteca pública municipal

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2020

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda adxudicou por un importe de 228.085 euros, IVE incluído, a obra de rehabilitación interior do antigo edificio do Concello de Salvaterra de Miño (Pontevedra) como nova biblioteca pública municipal.

Cun prazo de execución estimado no contrato de nove meses, a empresa adxudicataria (Rocas Graníticas do Condado) comezará o vindeiro mes de xaneiro cos traballos, que incluirán unha intervención sobre os revestimentos de solos, paredes e teitos, a execución de traballos de carpintaría interior e a renovación das instalacións de fontanería, electricidade e de circulación do aire, entre outros.

Concretamente, as obras principais consistirán no acondicionamento do espazo interior de la antiga edificación do Concello, dotando ao edificio de todas as novas esixencias do Código Técnico de Edificación (CTE); demolición da escaleira de forxado existente, creando unha nova e tamén un ascensor para dar cumprimento ás novas esixencias do edificio; substitución da estrutura do forxado do primeiro andar e do pavimento en contacto co terreo; e substitución do falso teito da planta baixa por illamento acústico.

O inmoble obxecto da intervención conta cunha superficie total construída de 314 metros cadrados, divididos en dúas plantas: baixa e primeira. Está localizado dentro da Praza Forte ou fortificación de San Lorenzo de Salvaterra de Miño, na antiga edificación do Concello e anterior casa da comandancia da fortificación.

Este recinto amurallado conta con protección patrimonial e consideración de Ben de Interese Cultural desde o ano 1949. En todo caso, as edificacións residenciais interiores da muralla e, en concreto, o edificio vello do Concello non teñen ningunha protección específica.

A rehabilitación interior prevista no antigo edificio do Concello de Salvaterra de Miño permitirá completar e continuar os traballos acometidos con anterioridade polo Goberno municipal para acondicionar externamente o inmoble.

Con este fin, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda asinou co Concello, no marco do chamado Plan Hurbe, un convenio de colaboración o pasado mes de xullo en virtude do cal ambas partes se comprometían a cofinanciar as obras necesarias para rehabilitar o inmoble e destinalo a novos usos públicos.

Cómpre lembrar que a Xunta puxo en marcha este programa no ano 2010 para contribuír á posta en valor das vilas galegas e dos núcleos rurais a través da colaboración cos concellos na execución de diversos tipos de actuacións orientadas a frear o despoboamento, a potenciar as infraestruturas, servizos e equipamentos públicos e, en definitiva, a mellorar o benestar e a calidade de vida dos seus habitantes.

Na última década e con cargo ao Plan Hurbe, a Consellería de Medio Ambiente ten executado ou comprometido un total de 317 actuacións urbanísticas en decenas concellos galegos, actuacións coas que se mobilizan 148,96 millóns de euros. Este esforzo tamén terá continuidade no ano 2021, durante o que a Xunta convocará unha orde de axudas dotada con 1,3 millóns de euros para a creación ou mellora de infraestruturas municipais, en liña cos obxectivos de dinamización social e humanización fixados polo Hurbe.