A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o alcalde, José Manuel López, supervisaron os traballos realizados

A Xunta remata a senda peonil na estrada AC-552 no cancelo que mellora a mobilidade e a seguridade viaria dos veciños da Laracha

A actuación supuxo un investimento autonómico de case 50.000 euros

Construíuse un itinerario peonil na marxe dereita da estrada AC-552 na zona do acceso á autoestrada AG-55 e ao parque empresarial

Esta intervención completa os traxectos peonís da área pois, tanto na marxe esquerda desta vía, como na entrada ao parque empresarial, xa existían sendas

A Xunta continúa mellorando a rede viaria autonómica e incrementando a seguridade dos peóns, usuarios vulnerables das estradas
 

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2020

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, xunto co alcalde da Laracha, José Manuel López, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, supervisou o remate das obras da senda peonil no Cancelo, que mellora a mobilidade e a seguridade viaria dos veciños.

Esta actuación contou cun investimento autonómico de case 50.000 euros e supón unha importante mellora da mobilidade e a seguridade viaria dos veciños da contorna.

Os traballos consistiron na execución dun itinerario na marxe dereita da estrada AC-552, entre os puntos quilométricos 23+220 e 23+420, na zona do acceso á autoestrada AG-55 e ao parque empresarial.

Esta senda completa os traxectos peonís da zona xa que, tanto na marxe esquerda da propia estrada como na entrada ao parque empresarial, actualmente xa existían sendas.

As obras foron executadas sobre dominio público existente, cunha sección útil de 2,5 metros de ancho e pavimento de formigón.

A drenaxe resolveuse cun novo colector de pluviais, cos seus correspondentes pozos de rexistro e sumidoiros.

A Xunta, mediante a execución deste tipo de actuacións, continúa mellorando a rede viaria autonómica e incrementando a seguridade dos peóns, usuarios vulnerables das estradas.
 

Imaxes relacionadas