Máis do 93% dos concellos galegos conta con sede electrónica

Un 91,4% dos concellos con sede electrónica conta co servizo de notificacións electrónicas fronte ao 47,1% que se rexistraba no ano 2017

O 87% dos concellos galegos contan cun portal de transparencia, amosando un crecemento de 24,8 puntos porcentuais respecto ao ano 2017. Nos concellos máis grandes esta vía de comunicación está presente no 100% das corporacións

Grazas á dixitalización, o 32,3% dos concellos suprimiu a obriga de achegar algunhas documentacións para realizar trámites e o 54,2% dos concellos substituíu a obriga de aportar documentos por declaracións responsables

7 de cada 10 concellos galegos ten presenza nas redes sociais, aumentando en case 8,8 puntos porcentuais dous últimos anos

Santiago de Compostela, 25 de decembro de 2020

O 93,4% dos concellos galegos que contan con sede electrónica. Este dato supón un crecemento superior ao 23% respecto á edición anterior desta enquisa. Así se desprende dos resultados do informe bianual “A Administración electrónica nos concellos galegos”, que publica hoxe o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e que recolle datos de 2019.

Este informe está incluído no Plan Galego de Estatística 2017-2021 e avalía, cada dous anos, a situación das infraestruturas, equipamento e o nivel de desenvolvemento da sede electrónica nos concellos, e a interoperabilidade entre administracións, entre outros indicadores.

Sede electrónica e procedementos tramitados



Case a totalidade dos concellos con sede electrónica (97,1%) contan cun rexistro electrónico, mentres que “Pago electrónico: tributos, multas, etc.” é o servizo de menor implantación nas sedes electrónicas, aínda así, este servizo incrementouse en 19 puntos porcentuais nas administracións locais desde o 2017.

A evolución máis positiva respecto á edición de 2017 obsérvase no procedemento “Notificacións electrónicas”, que experimentou un crecemento de 44 puntos porcentuais en dous anos. Un 91,4% dos concellos con sede electrónica conta co servizo de notificacións electrónicas fronte ao 47,1% que se rexistraba no ano 2017.

No 2019 o “Rexistro de documentos” e a “Solicitude e obtención de autorización e permisos (obras, etc.)” son os procedementos máis tramitados pola cidadanía dentro dos niveis máis avanzados de interacción.

Nos dous últimos anos incrementáronse en 38,2 puntos os concellos que contan cun catálogo de procedementos dispoñibles a través de internet, acadando no 2019 o 65,9% dos concellos.

As vantaxes da Administración electrónica afiánzanse

O 32,3% dos concellos suprimiu a obriga de achegar algunhas documentacións (DNI, certificación de obrigacións tributarias [AEAT, Seguridade Social], familia numerosa, discapacidade, inscrición en rexistros, etc.). Esta gran vantaxe da administración electrónica está a afianzarse nos concellos galegos, medrando 19,3 puntos porcentuais desde a edición anterior.

Ademais, durante o 2019, o 54,2% dos concellos substituíu a obriga de aportar documentos por declaracións responsables (certificación de conta bancaria, poderes de representación, etc.). Este indicador creceu con respecto ao ano 2017 en 27,2 puntos porcentuais.

Comunicacións e participación da cidadanía

Para avaliar a eficacia das políticas desenvolvidas polos concellos no ámbito da comunicación é básico poder medir a participación cidadá. No ano 2019, no que se refire á interacción co cidadá, tal e como se ven observando nas anteriores edicións, o correo electrónico é canle de comunicación máis empregada nos concellos galegos cun 97,7%.

Destaca o incremento do uso de redes sociais por parte dos concellos, que sobe en 8,8 puntos porcentuais entre 2017 e 2019, acadando o 67,8%. Dentro das redes sociais é Facebook, cun 74%, a rede que máis se utiliza nos concellos galegos para interactuar oa cidadanía. Nos últimos dous anos esta rede social presenta un incremento de 11,4 puntos porcentuais. Séguelle Twitter utilizada nun 31,7%.

No ano 2019, o 87% dos concellos galegos contan cun portal de transparencia, amosando un crecemento de 24,8 puntos porcentuais respecto ao ano 2017. Ademais esta vía de comunicación está presente no 100% dos concellos máis grandes.

Equipamentos, aplicacións e programas informáticos dos concellos

As aplicacións con maior presenza nos concellos galegos son: o “Padrón de habitantes” (96,7%), a de “Contabilidade” (96,2%) e a de “Rexistro da entidade” (94.3%). A aplicación con maior crecemento respecto a o ano 2017 foi “Contratación”, medrando súa presenza en 16,4 puntos porcentuais.

En canto aos sistemas de identificación e certificados dixitais, o 95,3% dos concellos emprega algún método de identificación ou autenticación do seu persoal. O método máis empregado é o “nome de usuario e clave no ordenador do usuario” (77,7%) seguido do “DNI electrónico, ou certificado dixital” (53,1%).

Software Libre

No 2019 refórzase a presenza do software libre cun incremento en practicamente todas as áreas. Destaca o uso de software libre en “Xestión de cadros de mando” (62,5%), a “Xestión de inventario informático” (45%) e a “Contratación” (43,8%).

Poden consultarse os datos deste informe na seguinte ligazón: www.osimga.gal.

Imaxes relacionadas