Medio Ambiente e Sogama invitan á sociedade a ‘reinventar’ o Nadal coa posta en práctica dunha serie de consellos sustentables

Incídese na necesidade de evitar o desperdicio de alimentos, apostar por adornos feitos a partir de material reciclado e aplicar certas claves de consumo para converter os regalos en agasallos verdes respectuosos co medio ambiente

Santiago de Compostela, 25 de decembro de 2020

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en colaboración coa Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama) veñen de facer pública unha recompilación de consellos e recomendacións para contribuír a vivir este ano unhas festas navideñas máis sustentables.

Baixo o lema Reiventando o Nadal, o documento está dispoñible na páxina web de Sogama e nel se recompilan unha serie de ideas para lograr este obxectivo desde distintos ámbitos, como poden ser o consumo responsable, os hábitos de alimentación ou a reciclaxe.

Así, entre outros consellos, avógase por dar preferencia a adornos reutilizados e elaborados con materiais reciclados, así como optar por luces de baixo consumo ou con temporizador para contribuír ao aforro enerxético. Os regalos de Nadal tamén se poden converter en “agasallos verdes”, se se opta por obsequios fabricados con materiais reciclados, duradeiros e ecolóxicos ou mesmo feitos a man.

As comidas son outro dos puntos centrais destas festas e tamén un dos aspectos nos que se centra a escolma. Cómpre lembrar que en España se estima que se desperdician arredor de 7,7 millóns de toneladas anuais de alimentos. Pequenos xestos permiten inverter esta tendencia incluso en Nadal, unha das épocas do ano na que sobra máis comida.

Así, recoméndase un menú a base de receitas sinxelas, medir ben as cantidades en función do número de comensais e apostar por produtos locais e de tempada, máis económicos e cos que ademais se contribúe a dinamizar o pequeno comercio e de proximidade, nun contexto económico difícil como o actual marcado pola pandemia da Covid-19.

As festas do Nadal constitúen tamén unha boa oportunidade para seguir aplicando a regra dos 3R: reducir, reutilizar e reciclar. Nestas datas increméntanse os residuos de forma exponencial polo que consellos como reducir a súa xeración, alongar a vida útil dos produtos a través da súa reutilización e separalos por tipoloxías para depositalos nos contedores axeitados, propiciando así o seu reciclado, resultan máis útiles que nunca.

En definitiva, o obxectivo do listado de consellos da Consellería para reinventar o Nadal é animar a todos os galegos a levar a cabo nestas festas prácticas respectuosas co medio ambiente, e que anima a incorporar despois á súa vida cotiá.

Imaxes relacionadas