A Xunta e Farmamundi colaboran na subministración de auga potable e servizos de saneamento en Honduras

As actuacións centraranse en atender as necesidades de auga e saneamento de 650 persoas afectadas polas tormentas Eta e Iota, ás que tamén se lle facilitarán produtos básicos de limpeza e hixiene

O Goberno galego e a ONGD Farmamundi veñen colaborando en distintas actuacións para atender as necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes de orixe natural ou humano

Santiago de Compostela, 25 de decembro de 2020

A Xunta de Galicia, en colaboración coa ONGD Farmamundi, vén de activar o convenio de colaboración entre ambas entidades ante emerxencias humanitarias para poñer en marcha unha intervención coa que atender as necesidades en auga e saneamento de comunidades afectadas polas consecuencias de furacáns e da pandemia da covid-19 no norte de Honduras.

A intervención inclúe tamén a distribución de kits de limpeza e hixiene e actividades de promoción de medidas hixiénico-sanitarias, Levarase a cabo co socio local Sociedade Nacional da Cruz Vermella Hondureña co obxectivo de chegar a 650 persoas que forman parte de 130 familias das comunidades afectadas.

Deste xeito, a actuación permitirá brindar asistencia á poboación afectada pola tormenta tropical Eta e polo furacán Iota a través do subministro de auga potable para o consumo, servizos de saneamento e produtos básicos para a hixiene persoal.

Os dous desastres meteorolóxicos afectaron a case 4 millóns de habitantes do norte hondureño e causaron a perda de vivendas, o illamento de 180.000 persoas e máis dun cento faleceron debido á auga acumulada. Ambas tormentas agravaron a situación precaria que xa estaban a vivir milleiros de familias debido ao impacto da covid-19 desde comezos de ano, ademais doutras crises sanitarias presentes na rexión como o dengue e o zika e a situación de pobreza na que se atopan case sete de cada dez fogares.

Colaboración desde 2009

Esta actuación súmase a outras que Xunta e Farmamundi realizan conxuntamente dende o ano 2009 no marco dos convenios de colaboración para atender as necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes de orixe natural ou humano.

O obxecto destes convenios é o de realizar as actuacións que ambas partes acorden, de cara a atender as necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes de orixe natural ou humano, con especial énfase nos colectivos máis vulnerables, mediante a provisión inmediata de bens e servizos esenciais para a supervivencia (auga, abrigo, medicamentos, atención sanitaria ou outro material de primeira necesidade) e paliar o sufrimento das poboacións afectadas por crises de longa duración e desequilibrios crónicos e estruturais, con énfase en países e poboacións de menor Índice de Desenvolvemento Humano (IDH).

O convenio de colaboración actívase cada vez que acontece unha emerxencia, previa negociación e solicitude por parte de Farmamundi. A activación destes convenios nos anos anteriores permitiu dar resposta inmediata e coordinada coa Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) e o sistema das Nacións Unidas, a diferentes emerxencias acaecidas, entre elas: os tifóns Ketsana e Haiyan en Filipinas, o furacán Ida no Salvador, o terremoto e a epidemia de cólera en Haití, a crise humanitaria en Somalia e República Democrática do Congo, as emerxencias por causa da choivas no Salvador e Nicaragua, a crise alimentaria no Sahel ou o conflito en Siria e a situación en Palestina.