Marta Fernández-Tapias cifra en máis dun millón de euros os apoios da Xunta ao comercio local na área territorial de Vigo

A delegada territorial en Vigo visitou hoxe a tenda de delicatessen Casa Samaniego, beneficiaria da orde de axudas enfocada á dixitalización e innovación no sector

Neste contexto destacou a aposta do Executivo autonómico pola transformación dixital do sector con programas adaptados ás necesidades do tecido empresarial

Vigo, 23 de decembro de 2020

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, puxo hoxe en valor os diferentes programas impulsados pola Administración autonómica enfocados a reforzar a competitividade do comercio local no actual contexto económico e de crise sanitaria.

A representante autonómica aproveitou así unha visita á tenda de delicatessen Casa Samaniego, receptora dunha axuda de preto de 14.000 euros para a innovación, a dixitalización e a implantación de novas fórmulas de comercialización e de expansión, para informar das distintas liñas de apoio activadas polo Executivo galego en apoio ao comercio galego.

Así, cifrou en máis dun millón de euros os apoios da Xunta ao comercio local na área territorial de Vigo a través dos programas específicos para o sector como as axudas para a innovación, a dixitalización e a implantación de novas fórmulas de comercialización e de expansión do sector comercial e artesanal; as destinadas para actuacións en materia de Ecoinnovación; ou as dirixidas ás asociacións de comerciantes sen fins de lucro para a dinamización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos.

Ademais, a estes apoios específicos por máis dun millón de euros hai que sumarlles os programas para pemes e autónomos impulsados polo Igape dos que tamén se beneficia o sector, como os cheques e as axudas á dixitalización Industria 4.0 ou o Galicia Exporta Dixital.

Neste sentido, a representante autonómica volveu a pór en valor o apoio da Xunta aos plans de expansión dixital das 57 pemes e microempresas da comarca viguesa que se beneficiaron na actual convocatoria do programa Galicia Exporta Digital, a nova liña de axudas reforzada e adaptada ás necesidades que ten o tecido empresarial como consecuencia do novo contexto económico provocado pola pandemia da covid-19.

Tras incidir en que o Goberno galego reforzou e adecuou o programa deste ano ás necesidades provocadas pola pandemia da covid-19 para facilitar a reactivación do tecido empresarial e a mellora da competitividade no actual contexto económico, Fernández-Tapias cifrou en preto de 1,9 millóns de euros as axudas achegadas ás empresas da área de Vigo a través das dúas convocatorias do Galicia Exporta Dixital.
Respecto ao cheque dixital, a representante autonómica informou de que neste caso resultaron beneficiaras un total de 414 empresas da área territorial de Vigo por un importe superior a 1,7 millóns de euros.

Por outra banda, lembrou que están activadas as novas medidas destinadas a apoiar aos colectivos e sectores máis prexudicados pola pandemia. Nese sentido, subliñou que o novo programa de axudas dirixido aos establecementos hostaleiros e de restauración achegará 3 millóns de euros en apoios directos para permitir adecuar os espazos exteriores e adquirir elementos de envasado de comida e bebida para a entrega a domicilio ou a recollida no local. Segundo indicou, poden solicitalas autónomos e pemes de menos de 50 traballadores e cubrirán o 80% do investimento, sendo a axuda mínima de 1200 euros e máxima de 20.000. Inclúen ademais a achega de anticipos no momento da resolución favorable pola metade da contía da axuda.

No que respecta á nova liña para a concesión de préstamos dotada con 10 millóns de euros, Marta Fernández-Tapias, fixo fincapé en que está destinada especialmente a achegar liquidez aos sectores con máis dificultades de acceso ao crédito, como a hostalería, o ocio nocturno, o comercio estacional, as feiras ou a economía social. Os préstamos contarán con xuros baixos e próximos ao 0% e poderanse amortizar en sete anos, con tres de carencia.

Imaxes relacionadas