Marta Fernández-Tapias inaugura coa iluminación da Concatedral de Vigo o proxecto "Acende o Xacobeo"

Esta iniciativa inclúe a iluminación de 42 edificios emblemáticos en concellos galegos polos que pasa o Camiño de Santiago e noutros 50 doutras 10 comunidades autónomas

A iluminación na Comunidade galega levarase a cabo dende hoxe e ata o 31 de decembro en tres fases co acendido dos edificios máis singulares de cor azul, co logotipo do Xacobeo 2021 e a frecha amarela

Vigo, 22 de decembro de 2020

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias inaugurou hoxe coa iluminación da Concatedral o proxecto “Acende o Xacobeo”, que inclúe a iluminación de 92 monumentos singulares de toda España como conta atrás do inicio do Ano Santo o día 31 de decembro coa apertura da Porta Santa.

No caso do Camiño Portugués da Costa, na área territorial de Vigo súmase o Albergue Casa da Torre no municipio de Pontevedra que tamén lucirá iluminado a partir deste martes.

Trátase de 42 monumentos representativos das diferentes rutas do Camiño de Santiago que pasan pola comunidade galega, aos que se suman 50 doutras 10 autonomías que colaboran na iniciativa.

A iluminación nos concellos galegos levarase a cabo en tres fases –desde hoxe ao 25 de decembro, do 26 ao 28 e do 29 ao 31- e de forma secuencial a través das distintas etapas das rutas xacobeas ata chegar á Catedral de Santiago evocando o percorrido que realizan os peregrinos. Así, os monumentos escollidos para cada fase iluminaranse de cor azul, coa proxección do logotipo do Xacobeo 2021 e a frecha amarela.

Ademais, na Torre do Reloxo da Catedral, coñecida como A Berenguela, proxectarase durante o período un vídeo de animación que tamén recreará a peregrinación a Compostela.

Á iniciativa sumáronse 10 comunidades autónomas –Andalucía, Aragón, Asturias, Cantabria, Castela e León, Estremadura, A Rioxa, Madrid, Murcia e Navarra- iluminando outros 50 monumentos, moitos deles vinculados ao Camiño de Santiago. Castela e León seguirá a mesma secuencia por fases que a comunidade galega e no resto de autonomías o acendido realizarase o 31 de decembro. No caso de Madrid, as iluminacións na glorieta de Atocha e no distrito de Fuencarral co logo do Xacobeo 2021 en gran formato estarán presentes durante todo o Nadal.

Imaxes relacionadas