A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, rubricou hoxe o acordo de colaboración para impulsar as actuacións necesarias no treito final do río

A Xunta asina un convenio co Concello de Sada para mellorar o funcionamento hidráulico do río Maior e evitar inundacións no núcleo urbano cun investimento de 1,57 millóns de euros

A colaboración entre a Administración autonómica e local inclúe a realización dun estudo de alternativas para actuar no río, a redacción do proxecto coa solución proposta e a execucións das obras, para posteriormente, conservalas e mantelas

Do total do investimento, 1,5 millóns de euros destinaranse á execución das obras, achegando 500.000 euros Augas de Galicia e 1 millón o Concello de Sada, que destinará os 75.000 euros restantes á redacción do proxecto construtivo

Augas de Galicia comprométese, ademais, a realizar o estudo e contratar a redacción do proxecto seleccionado polo Concello, así como á contratación, dirección e execución das obras ata completar a súa finalización

O Concello comprométese a determinar a proposta, pór á disposición os terreos necesarios e á realización das xestións pertinentes para posibilitar a execución das obras, así como á recepción mantemento e conservación das que correspondan

Esta actuación será unha primeira medida de cara a minimizar as inundacións na zona das Brañas e a desembocadura do río, declarada como área de risco potencial significativo de inundación

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2020

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asinou hoxe, en calidade de presidenta de Augas de Galicia, un convenio de colaboración co Concello de Sada para a mellora do funcionamento hidráulico do río Maior e evitar inundacións no núcleo urbano da vila coruñesa. O convenio suporá un investimento conxunto de máis de 1,57 millóns de euros.

Mediante a cooperación entre a Xunta e a entidade local, impulsarase a realización dun estudo de alternativas que determine a proposta máis adecuada para actuar no treito final do río Maior e, a partir das conclusións obtidas neste estudo, realizar un proxecto construtivo da solución determinada, acometer as obras e, posteriormente, conservalas e mantelas.

Segundo o convenio, do total da achega, 75.000 euros destinaranse á redacción do proxecto construtivo, cuxo custo asumirá o Concello de Sada. Os 1,5 millóns de euros restantes destinaranse á execución das obras, achegando 500.000 euros Augas de Galicia e 1 millón de euros o Concello de Sada.

Esta actuación contará co cofinanciamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.

Marco das actuacións do convenio

Para o cumprimento do obxecto do convenio asinado hoxe pola Xunta, Augas de Galicia comprométese, ademais, a realizar o estudo de alternativas, contratar a redacción do proxecto da obra de acordo coa proposta seleccionada polo Concello de Sada, así como á súa supervisión e aprobación. Tamén se obriga á contratación, dirección e execución das obras ata completar a súa finalización, e a formalizar os actos de recepción.

Pola súa banda, o Concello de Sada asume determinar a proposta máis adecuada das resultantes do estudo de alternativas elaborado polo organismo hidráulico da Xunta, a posta á disposición dos terreos necesarios para o inicio das obras e a realización das xestións pertinentes para posibilitar a súa execución; así como a obriga de recibir as obras que non formen parte do dominio público hidráulico, e asumir o seu mantemento e conservación.

Área de risco potencial significativo de inundación, Arpsi

Augas de Galicia redacta e revisa cada seis anos a avaliación preliminar do risco de inundación (EPRI) da demarcación hidrográfica Galicia-Costa, considerándose na actualización correspondente ao segundo ciclo 2021-2027, a zona das Brañas e a desembocadura do río Maior, en Sada, como área de risco potencial significativo de inundación (ARPSI).

O proceso de planificación, unha vez declarada unha zona como área de risco, leva consigo o posterior desenvolvemento de mapas de risco de inundación, para a súa incorporación ao plan de xestión de risco de inundación. Este Plan permite, xunto co estudo e a determinación das medidas que se consideren necesarias para tratar de minimizar os riscos de inundación, incrementar a calidade ambiental das contornas fluviais e recuperar a condición dos ríos como hábitats naturais, para a súa execución por cada unha das autoridades competentes.

Independentemente deste proceso, o Concello de Sada presentou un estudo sobre o deficiente funcionamento e insuficiencia de capacidade de desaugue e os continuos atrancos dos ríos Maior e Fontoria no treito final, no que existen catro ovoides, propoñendo substituílos por un marco de sección interior de 4x1,50 metros, similar ao resto de treitos do canal que discorre polo núcleo urbano.

A partir de todo este traballo, realizarase o estudo alternativas para poder decidir a solución óptima e eficaz na redución do risco de inundación da área de risco potencial significativo de inundación de Sada, podendo considerarse esta actuación conxunta como unha primeira medida das que corresponda acometer para minimizar os riscos de inundacións neste concello.

A Xunta de Galicia segue apostando pola colaboración entre todas as administracións e axentes implicados para estar máis preparados fronte ás inundacións e acadar unha máis rápida e mellor recuperación fronte ás súas posibles consecuencias.