A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, participou hoxe na presentación desta campaña en Lalín

Política Social incentiva o comercio local da comarca de Deza cunha campaña de promoción do Carné Xove

En colaboración coa Asociación de Empresarios de Deza (AED), repartiranse ata 200 vales de 15 euros cada un aos usuarios do Carné Xove da zona, co obxectivo de que o empreguen nos establecementos de proximidade

O documento, que conta dun deseño renovado, repartirase de xeito gratuíto a toda a mocidade galega de entre 12 e 30 anos a partir do mes de xaneiro

Suprímense as taxas de renovación ao ampliarse a súa vixencia de xeito indefinido, é dicir, ata que o titular cumpra os 30 anos

Crearase unha aplicación móbil para xeolocalizar os locais con descontos e promocións

Lalín (Pontevedra), 21 de decembro de 2020

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, participou hoxe na presentación da campaña ligada ao Carné Xove para a promoción do comercio local, que tivo lugar no Espazo Xove de Lalín. Esta campaña, posta en marcha en colaboración coa Asociación de Empresarios de Deza (AED), favorecerá a entrega de ata 200 vales de 15 euros cada un aos usuarios do carné xove da zona, co obxectivo de que o empreguen nos establecementos da AED adheridos ao programa Carné Xove.

Cristina Pichel explicou que os usuarios con carné xove da zona, ou aqueles que o desexen facer no momento, deberán achegarse polo Espazo Xove de Lalín a partir de mañá martes para recoller o seu vale. Os 200 primeiros mozos e mozas que cumpran os requisitos serán os que poidan desfrutar desta campaña de promoción dos comercios de proximidade, así como de difusión das vantaxes que supón ter o propio carné.

Trátase, en palabras da directora xeral, dunha oportunidade para axudar a aqueles pequenos empresarios que viron interrompida a súa actividade por mor do confinamento e da actual pandemia da covid-19.

Así mesmo, a directora xeral lembrou algunha das novidades que se inclúen nesta esta tarxeta, que se enviará de xeito gratuíto a toda a mocidade galega de entre 12 a 30 anos a partir de xaneiro. Ademais de ser entregada ao 100% das mozas e mozos galegos, o carné xove renovou o seu deseño e suprimirá as taxas de renovación. Deste xeito, ampliarase a súa vixencia de xeito indefinido e será válido ata que o seu titular cumpra os 30 anos de idade. Tamén se porá en marcha unha nova aplicación móbil que permitirá acceder a un listado de descontos e promocións xeolocalizados.

Máis de 280 carnés vixentes

Os primeiros en recibir nas súas casas o novo Carné Xove serán aquelas mozas e mozos que foran neste momento usuarios. Neste momento, o número mozas e mozos con carné vixente no Concello de Lalín é de 284. Esta cifra ascende a máis de 30 mil no conxunto da Comunidade.

Imaxes relacionadas