A Xunta traballa nunha estratexia de resposta á covid-19 para adecuar os mecanismos da cooperación galega ás necesidades dos axentes da cooperación e das comunidades sociais

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou hoxe por videoconferencia na reunión da Comisión Interterritorial de Cooperación para o Desenvolvemento

Esta estratexia será complementaria do IV Plan Director da Cooperación Galega 2018-2021 e permitirá a súa adaptación ao novo contexto de emerxencia marcado pola covid-19

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2020

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou hoxe na reunión da Comisión Interterritorial de Cooperación para o Desenvolvemento, na que explicou que o Goberno galego está a traballar, en colaboración cos axentes galegos de cooperación, nunha estratexia de resposta á covid-19 que será complementaria do IV Plan Director da Cooperación Galega 2018-2021, que culmina o ano que vén.

Deste xeito, estase a traballar na elaboración dunha diagnose sobre os proxectos en marcha co obxectivo de adecuar os mecanismos de financiamento da Cooperación Galega ás prioridades da situación actual tendo en conta as necesidades e demandas dos axentes de cooperación e primando o apoio a iniciativas e actuacións destinadas ás persoas e colectivos máis afectados polas consecuencias da pandemia. A Administración autonómica facilita unha resposta coordinada e participativa na loita contra o coronavirus para orientar os recursos do sistema galego de cooperación ás persoas máis vulnerables.

A Xunta aumentará de novo en 2021 o seu orzamento destinado á cooperación, superando o compromiso adquirido no IV Plan director de cooperación galega 2018-2021 coa Coordinadora Galega de ONGD e co resto de axentes galegos de cooperación de garantir un incremento do orzamento destinado a cooperación para o desenvolvemento anual igual ou superior ao 11,4% respecto ao do ano anterior.

Así, o Plan Anual da Cooperación Galega para o próximo ano, que se elaborará tomando como base os resultados do proceso de elaboración da estratexia de resposta á covid-19, contará cunha dotación de 7,4 millóns de euros, o que supón un 12% máis que o do actual exercicio.

A Comisión Interterritorial é un órgano consultivo e de coordinación, concertación e colaboración entre as Administracións públicas que levan a cabo accións de cooperación ao desenvolvemento. Está presidida pola Secretaria de Estado de Cooperación Internacional do Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación, Ángeles Moreno, e dela forman parte representantes de diferentes departamentos da Administración Xeral do Estado, das comunidades autónomas e das entidades locais.

Imaxes relacionadas