Xunta e Faramundi colaboran na mellora da atención sanitaria no Iemen

As actuacións centraranse en brindar apoio aos centros de saúde para a prevención e tratamento da pandemia de covid-19

O Goberno galego e a ONGD Farmamundi veñen colaborando en distintas actuacións para atender as necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes de orixe natural ou humano
 

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2020

A Xunta de Galicia, en colaboración coa ONGD Farmamundi, vén de activar o convenio de colaboración entre ambas entidades para actuar ante emerxencias humanitarias co obxectivo de levar a cabo unha intervención de mellora da atención sanitaria no Iemen.

A intervención, que se realizará en colaboración cun socio local, brindará apoio aos centros de saúde da gobernación de Raimah para a prevención e tratamento da pandemia de covid-19, a través da provisión de medicamentos e outros materiais funxibles.

Despois de 6 anos de guerra, o 80% dos 30 millóns de habitantes do país dependen da axuda humanitaria para sobrevivir. Millóns de persoas están gravemente desnutridas ou afectadas por enfermidades como o dengue, a malaria ou o cólera.

Esta situación fai que a poboación sexa especialmente vulnerable ao impacto da covid-19. Segundo estimacións da ONU, a porcentaxe de enfermos que morren por esta pandemia no país podería superar o 30%, unha porcentaxe moi por riba de calquera lugar do planeta. De feito, segundo Nacións Unidas, a situación actual do Iemen é o peor desastre humanitario causado polo home, unhas circunstancias ás que agora se suma a pandemia de coronavirus.

Colaboración desde 2009

Esta actuación súmase a outras que Xunta e Farmamundi realizan conxuntamente dende o ano 2009 no marco dos convenios de colaboración para atender as necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes de orixe natural ou humano.

O obxecto destes convenios é o de realizar as actuacións que ambas partes acorden, de cara a atender as necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes de orixe natural ou humano, con especial énfase nos colectivos máis vulnerables, mediante a provisión inmediata de bens e servizos esenciais para a supervivencia (auga, abrigo, medicamentos, atención sanitaria ou outro material de primeira necesidade) e paliar o sufrimento das poboacións afectadas por crises de longa duración e desequilibrios crónicos e estruturais, con énfase en países e poboacións de menor Índice de Desenvolvemento Humano (IDH).

O convenio de colaboración actívase cada vez que acontece unha emerxencia, previa negociación e solicitude por parte de Farmamundi. A activación destes convenios nos anos anteriores permitiu dar resposta inmediata e coordinada coa Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) e o sistema das Nacións Unidas, a diferentes emerxencias acaecidas, entre elas: os tifóns Ketsana e Haiyan en Filipinas, o furacán Ida no Salvador, o terremoto e a epidemia de cólera en Haití, a crise humanitaria en Somalia e República Democrática do Congo, as emerxencias por causa da choivas no Salvador e Nicaragua, a crise alimentaria no Sahel ou o conflito en Siria e a situación en Palestina.