A Xunta inicia traballos de conservación e limpeza nos treitos interurbanos de varios ríos ao seu paso polos concellos de Porto do Son e de Noia

Augas de Galicia levará a cabo estas actuacións nun total de 15 ríos

Os traballos enmárcanse nas actuacións de mantemento que se veñen realizando nas áreas con risco potencial de inundacións

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mantén activas as actuacións para a mellora dos leitos fluviais e para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, está a desenvolver traballos de conservación e limpeza nos treitos interurbanos de 15 ríos ao seu paso polos concellos de Porto do Son e de Noia.

Concretamente Augas de Galicia leva a cabo traballos nos seguintes ríos de Porto do Son: Sieira Corral baixo, Corzo, Lavandeira, Chico, Quintáns, Resna, Cans, Sancho, Sandión, Carballar, Da Igrexa e Hornanda; e no municipio de Noia, nos ríos Vilaboa e San Xusto.
As tarefas estanse a desenvolver en distintos tramos interurbanos destes ríos, que coinciden co seu percorrido por distintas parroquias destes municipios.

Estes labores forman parte das intervencións de mantemento que leva a cabo Augas de Galicia nas áreas con risco potencial significativo de inundación (ARPSI).

As actuacións céntranse na retirada de árbores e pólas caídas e madeira morta, así como a roza selectiva, limitada ao ancho da canle, en tramos cubertos por maleza. Unha vez finalizadas estas actuacións, os ríos quedarán despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.

Estas accións enmárcanse no programa de mantemento, conservación e mellora que realiza Augas de Galicia no dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial da zona Galicia-centro.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mantén activas as actuacións para a mellora dos leitos fluviais e para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos.

Imaxes relacionadas