A conselleira de Política Social entregou hoxe os galardóns aos premiados nas catorce categorías

Fabiola García anima ás mozas e mozos a participar no Xuventude Crea para descubrir os novos talentos de Galicia

En total repartíronse 51 premios e 12 mencións de honra nas diferentes disciplinas

Poñerase en marcha un ambicioso proxecto para dar visibilidade ás obras gañadoras, como a publicación da novela gañadora na categoría de Novela Curta

Esta edición acadou un récord de participación grazas aos preto de 500 mozas e mozos que presentaron a súa candidatura

Os premios por cada especialidade son: 3000 euros para o primeiro premio, 1500 o segundo premio e 1000 euros o terceiro premio

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2020

A conselleira de Política Social, Fabiola García, entregou hoxe os galardóns aos premiados este ano no programa Xuventude Crea, onde animou ás mozas e mozos a participar neste programa para descubrir os novos talentos de Galicia. Durante o acto, celebrado hoxe na Cidade da Cultura, os gañadores nas 14 categorías puideron expoñer a súa experiencia e presentar as súas creacións.

A conselleira destacou que cada ano segue medrando a calidade e a innovación das obras presentadas polas mozas e mozos. En total repartíronse 51 premios e 12 mencións de honra nas diferentes disciplinas. Como novidade este ano incluíronse as especialidade de Creación de videoxogo e Novela curta, que se suman ás de Artes plásticas, Banda deseñada, Cociña, Danza moderna, Deseño de xoias, Fotografía, Graffiti, Moda, Música, Poesía, Teatro e Videocreación.

Ademais, este ano desenvolverase un ambicioso proxecto que permita dar visibilidade ás obras gañadoras. Para iso, estase a traballar na proposta dunha xira de certas disciplinas do Xuventude Crea, sempre que as condicións sanitarias o permitan. Tamén se potenciará a creación de obradoiros, charlas ou actividades por parte das persoas premiadas nos Espazos Xoves da Comunidade e presentarase unha exposición itinerante dos máis de 10 anos do programa. Cómpre lembrar que este ano por vez primeira a obra gañadora na categoría de Novela Curta vai ser publicada pola editorial Xerais co apoio da Xunta, chegando así ás librarías galegas.

Premiados

Na categoría de Cociña, o primeiro premio foi para Shewit Pérez Izaguirre, polo seu prato Brisa Marina; en Banda deseñada, o principal galardón foi para Miguel Pérez Ramudo, pola obra Joaquín Vaamondeo, unha promesa truncada da Xeración Doente; e na especialidade de Artes plásticas, o primeiro premio recibiuno Adriana Bratuas Arijón, pola súa obra A memoria do baleiro.

Pola súa banda, en Fotografía o primeiro premio foi para Helena Lafuente pola súa creación O pasado esquecido; en Moda a gañadora do primeiro galardón foi Ana Mª Vázquez pola súa creación Hand(some); na especialidade Deseño de moda o primeiro premio recibiuno Sofía Rivas, pola obra Xénese; en Música o premio foi compartido entre Amorodo, cos temas Estilo amorodo e Quero e Battosai, polos temas Cuanto tiempo e Deixa xa de molestar.

Por último, o gañador na modalidade de Graffiti foi Javier Caamaño coa obra Raposo; en Videocreación, o primeiro premio foi para Carlota Álvarez Feijóo pola obra Zafirada; en Teatro gañou o grupo Palimoquiños e Cía pola representación de Os miserables; en Novela Curta o gañador foi Adrián Gómez Ramos coa novela Cando sangren os lobos; en Poesía o primeiro premio recibiuno Ciro Fernández por A bóveda do ceo; en Videoxogos gañou Elvia co videoxogo Odal; e en Danza Modera, gañou Mera coa obra Litost.

Récord de participación

A edición deste ano do Xuventude Crea acadou un récord de participación con preto de 500 mozas e mozos que presentaron as súas candidaturas, fronte ás 382 do ano anterior. Os premios para cada especialidade son de 3000 euros o primeiro premio, 1500 euros o segundo premio e 1000 euros o terceiro premio.

Imaxes relacionadas