A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade rubricou hoxe o acordo de colaboración para a mellora do sistema de depuración de Cee-Corcubión

A Xunta asina un convenio co concello de Cee para a redacción do proxecto para a construción dunha nova depuradora, cun investimento de preto de 370.000 euros

Augas de Galicia licitará en próximas datas a redacción do proxecto construtivo por importe de 348.000 euros

O Concello comprométese a pór á disposición os terreos, cun custo de 22.000 euros, para a realización dos estudos técnicos necesarios para elaborar o proxecto e, unha vez aprobado este, á súa adquisición e entrega para o inicio das obras

O Goberno galego mantén o seu apoio técnico e financeiro aos concellos para que poidan prestar de xeito eficaz os servizos de saneamento e abastecemento
 

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2020

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asinou hoxe, en calidade de presidenta de Augas de Galicia, un convenio de colaboración co Concello de Cee para a redacción do proxecto para a construción dunha nova depuradora, que prestará servizo tamén ao municipio de Corcubión. O convenio suporá un investimento de case 370.000 euros.

Con este convenio, a Xunta dá resposta á necesidade de colaboración para mellorar o sistema de depuracion de augas residuais de Cee e Corcubión. Co mesmo obxectivo, Augas de Galicia realizou, previamente, unha análise de alternativas co obxecto de determinar a mellor ubicación para a execución da citada depuradora.

O estudo, enmarcado nas actuacións proxectadas pola Xunta de Galicia para a mellora do sistema de saneamento nestes dous concellos da Costa da Morte, permitiu determinar no municipio de Cee o lugar para executar a nova estación depuradora de augas residuais de Cee e Corcubión.

Unha vez asinado o convenio, Augas de Galicia prevé licitar proximamente a redacción do proxecto construtivo da nova estación depuradora de augas residuais. A través do convenion asinado hoxe o Concello de Cee comprométese a pór á disposición da Xunta os terreos da futura depuradora, de forma que a adxudicataria poida realizar os traballos xeotécnicos e topográficos precisos.

Segundo o convenio, Augas de Galicia entregará ao Concello o estudo de alternativas no que se determinan as parcelas onde se vai ubicar a estación depuradora, asumindo integramente a financiación e licitación do proxecto construtivo, que suporá un investimento de 348.000 euros, así como a súa supervisión e aprobación. A actuación conta coa cofinanciación da Unión Europea, a través do programa operativo do Fondo europeo de desenvolvemento rexional FEDER.

Pola súa banda, o Concello de Cee comprométese á pór á disposición de Augas de Galicia os terreos necesarios para executar estes traballos técnicos precisos para a elaboración do proxecto construtivo, así como á adquisición dos predios necesarios unha vez aprobado o proxecto construtivo da nova depuradora, terrenos custo ascende a preto de 22.000 euros.

O Goberno galego mantén o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que estes poidan prestar de xeito eficaz os servizos de saneamento e abastecemento, que son de competencia local.