A Xunta remata a execución da nova cuneta de seguridade na autovía AG-64 ao seu paso polo concello das Pontes
A intervención supuxo un investimento de máis de 583.000 euros e centrouse no treito comprendido entre os puntos quilométricos 35+300 e 36+700, mellorando o entorno, a situación ambiental e a seguridade viaria
Construíuse unha cuneta tendida de acordo co concepto de ‘estradas que perdoan’ para facilitar a volta á estrada tras unha saída de vía
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de rematar hoxe as obras de execución dunha nova cuneta de seguridade na autovía Ferrol-Vilalba (AG-64) ao seu paso polo concello das Pontes.
Esta intervención, que supuxo un investimento da Xunta de máis de 583.000 euros, centrouse no treito comprendido entre os puntos quilométricos 35+300 e 36+700 da autovía, mellorando o entorno, a situación ambiental e a seguridade viaria.
Os traballos consistiron na substitución da actual cuneta, para a disposición dunha nova cuneta tendida de acordo co concepto de estradas que perdoan, acadando o obxectivo de mellorar a seguridade viaria. Este tipo de cuneta permite que os vehículos retomen a circulación despois de sufrir unha saída de vía.
Os traballos executados permiten que baixo a cuneta a auga discorra por grava caliza, o que permite aumentar o ph da escorrentía procedente dos noiros e da mediana, cumprindo así un dos obxectivos fundamentais da actuación de mellora e protección ambiental do entorno.
As obras completáronse coa renovación das marcas viarias e a reposición da sinalización vertical nos treitos afectados polas actuacións.