A Xunta investirá preto de 500.000 euros no acondicionamento do edificio do servizo de mobilidade na Coruña, cuxas obras comezarán en primavera de 2021 e rematarán ese mesmo ano
As empresas interesadas en acometer estas actuacións poden presentar as súas ofertas ata o vindeiro 14 de xaneiro
Os traballos, cun prazo de 6 meses, incluirán a reparación da estrutura de formigón, o tratamento da fachada ou a mellora da instalación eléctrica
A Xunta investirá preto de 500.000 euros no acondicionamento do edificio do Servizo da Mobilidade na Coruña, cuxas obras comezarán en primavera de 2021 e rematarán ese mesmo ano.
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, visitou hoxe estas dependencias do Goberno galego coincidindo coa licitación dos traballos.
A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica xa hoxe o inicio da contratación dos traballos por importe de máis de 495.000 euros. As empresas interesadas en acometer esta intervención poden presentar as súas ofertas ata o vindeiro 14 de xaneiro.
Os traballos, cun prazo de 6 meses, incluirán a reparación da estrutura de formigón, o tratamento dos perfís de aceiro na fachada, a mellora da rede de pluviais e da instalación eléctrica.
Tamén se realizarán actuacións de illamento para solucionar os problemas de humidades que se veñen producindo por mor da condensación.
A intervención inclúe a substitución de todas as ventás do edificio, así como a colocación de 36 radiadores térmicos cerámicos.
Os falsos teitos que presenten carencias serán demolidos e substituídos por unhas estruturas novas de escaiola.
No que se refire á mellora da accesibilidade, transformarase o actual montacargas nun ascensor. Ademais, substituirase a porta da entrada por outra nova con follas asimétricas que facilite o paso de persoas con mobilidade reducida.
De xeito complementario, executaranse obras menores en materia de electricidade e fontanería nos aseos. Así, arranxaranse os sistemas de secado de mans ou os interruptores e reporanse billas, chaves de paso ou cisternas.
O proxecto contempla o pintado xeral do interior do edificio, especialmente nas zonas afectadas polas obras.