Mensaxe co gallo do Día Internacional da Persoa Migrante

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2020

Os tempos nos que vivimos están a ser duros para todos, pero o colectivo dos migrantes está a sufrir de xeito moi especial a pandemia da covid-19, non só pola distancia dos seus seres queridos, senón pola debilidade económica de moitos deles nun escenario de consecuencias complexas. Como a propia Organización das Nacións Unidas recoñece, a crise sanitaria non pode ser una escusa para retroceder na protección dos seus dereitos, independente do estatus legal de cada persoa.

Seguridade, dignidade, dereito a saúde e igualdade seguen a ser máximas esenciais para as persoas. Dende a Xunta de Galicia estamos a traballar para estar ao seu carón e apoialos, e seguiremos a potenciar proxectos e liñas de axudas que permitan saír adiante a todos os galegos, tanto a aqueles que viven aquí como a aqueles que residen no exterior e a aqueles que, chegando de fóra, forman parte da nosa sociedade.

A situación que estamos a vivir vai ter efectos innegablemente negativos na nosa sociedade, pero tamén serviunos a todos (persoas de todas as idades, condicións, culturas e nacionalidades) a atopar un oco dentro do universo virtual que nos permite encontrarnos e facer fronte xuntos a esta crise. Porque a solidariedade é a mellor arma que temos para superala e poder, así, recuperar o calor humano que nos está a roubar esta pandemia.
Desde a Xunta de Galicia sabemos que a nosa sociedade é forte e madura, e que todos unidos, cunha maior cooperación e cunha maior acción colectiva, poderemos encarar unha recuperación social e económica que permitirá recuperar o perdido e volver á liña do crecemento. Seguiremos a traballar como unha familia unida cos de aquí, cos que marcharon buscando novos horizontes e cos que apostaron, por primeira vez, pola nosa terra para botar raíces así como aos que decidiron retornar. Xuntos sempre seremos máis fortes.


Fabiola García, conselleira de Política Social
Antonio Rodríguez Miranda, secretario xeral da Emigración

Imaxes relacionadas