A Xunta agarda que Alcoa volva á senda do diálogo para negociar a venda da planta tras a sentenza que declara nulo o ERE

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, cualifica de boa nova o fallo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia

Recoñece e agradece o traballo das 524 familias que levan loitando durante estes últimos meses e pon en valor o esforzo conxunto da Xunta, o Goberno central e o comité de empresa

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2020

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, cualificou esta tarde de boa nova a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que declara nulo o ERE de Alcoa e agarda que a empresa volva agora á senda do diálogo para negociar a venda da planta.

“É unha boa nova para as 524 familias que durante todos estes meses levan traballando e loitando para conseguir este obxectivo de manter os postos de traballo e a actividade industrial”, asegurou ao tempo que quixo recoñecer e agradecer o esforzo conxunto realizado polo comité de empresa e das administracións (Goberno central e Xunta de Galicia, co apoio dos concellos da Mariña).

Conde incidiu en que Alcoa debe rectificar e traballar na venda da planta, sobre todo sabendo que hai un operador disposto a investir e que quere manter a actividade. Deste xeito, explicou, poderíase dar unha solución tanto aos traballadores como á comarca tendo en conta, ademais, que se trata dun “sector estratéxico para a economía galega que temos que defender”.

O vicepresidente segundo tamén indicou que o fallo de hoxe –que dá a razón á autoridade laboral– supón “volver ao día un”, polo que é o primeiro paso para reactivar o diálogo, atopar puntos de entendemento e pechar un acordo.

Conde finalizou subliñando que Alcoa é para A Mariña e para Galicia unha empresa estratéxica e que a Comunidade non está disposta a perder a súa posición nun sector de peso como o do aluminio polo que o obxectivo segue sendo manter o emprego e a actividade industrial da planta.