O IGE confirma que en 2019 Galicia gañou 2.151 residentes e entraron a residir na Comunidade 17.809 persoas máis das que saíron, o mellor saldo migratorio positivo da serie histórica

O Instituto Galego de Estatística acaba de publicar a ‘Estatística de Migracións' definitiva do ano 2019 e tamén as ‘Cifras de Poboación', que indican que o saldo migratorio positivo foi un 32% superior ao do ano 2018

En 2019 retornaron a Galicia 6.574 galegos, convertendo a Galicia na comunidade autónoma con maior índice de retorno sobre as persoas que entran no país

A estas cifras de retorno habería que engadirlle os familiares sen nacionalidade española que acompañan aos galegos retornados, e que son recollidos como inmigrantes nas estatísticas

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2020

A poboación residente en Galicia a 1 de xaneiro de 2020 situouse en 2.702.592 habitantes, o que supón un incremento de 2.151 habitantes respecto á mesma data de 2019, como recolle a estatística ‘Cifras de Poboación' que acaba de publicar de xeito definitivo o IGE.

O IGE tamén publica a ‘Estatística de Migracións' do ano 2019, que indica que no último ano entraron a residir en Galicia 17.809 persoas máis das que saíron, o maior saldo migratorio positivo da serie histórica.

Deste xeito, o saldo migratorio en Galicia é positivo. En termos relativos, a poboación incrementouse nun 0,08% fronte ao descenso do 0,10% rexistrado ao longo do ano anterior.

Segundo os datos difundidos esta mañá polo Instituto Galego de Estatística, a poboación residente en Galicia a 1 de xaneiro de 2020 está conformada por 2.702.592 persoas, das que 2.586.337 teñen nacionalidade española (o 95,7% do total) e 116.255 teñen nacionalidade estranxeira, o 4,3% da poboación residente na comunidade autónoma. Incrementáronse os españois residentes en Galicia nados no estranxeiro, nun 2,8% e os nados en España pero con nacionalidade estranxeira, nun 9,4%.

Por provincias, A Coruña creceu un 0,1%, pasando de 1.122.007 a 1 de xaneiro de 2019 a 1.123.550 na mesma data de 2020. Pontevedra sigue a tendencia a alza, cun 0,3% (941.007), mentres Lugo baixa un 0,4% (329.587) e Ourense un 0,3% (307.841).

Ademais, segundo a ‘Estatística de Migracións' do ano 2019, Galicia rexistrou un saldo migratorio positivo de 17.809 persoas, o maior de toda a serie histórica –que arranca en 2008- e un 32% superior ao saldo rexistrado no ano 2018, que fora de 13.252 persoas.

Segundo a orixe destes movementos, os datos de 2019 con respecto aos do ano anterior confirman a tendencia dos últimos anos de incremento das entradas procedentes do estranxeiro e diminúen as saídas; con respecto aos movementos co resto de España de residentes en Galicia, aumentan lixeiramente as entradas procedentes doutras comunidades autónomas e permanecen practicamente estables as saídas.

Galicia tamén gañou poboación desde o resto de España, xa que recibiu 891 persoas máis das que saíron, mentres as entradas de estranxeiros en Galicia ascendeu a 16.918, aumentando un 19,3% con respecto ao ano anterior. Hai que ter en conta que dentro deste incremento de inmigrantes, estatisticamente non se recolle aos familiares ou descendentes dos galegos retornados que non contan con nacionalidade española, a pesar de formar parte da colectividade galega do exterior que regresa a Galicia.

Deste xeito, estas cifras van en coherencia cos importantes datos de retorno dos últimos anos, e que deste xeito, supoñen un incremento tanto nas cifras dos retornados de orixe galego como das súas parellas ou fillos sen nacionalidade que tamén forman parte das estatísticas do saldo migratorio positivo, aínda que se computen como inmigrantes. En 2019 retornaron a Galicia 6.574 galegos, convertendo a Galicia na comunidade autónoma con maior índice de retorno sobre as persoas que entran no país.

Imaxes relacionadas