A Xunta remata a construción dunha senda peonil na estrada autonómica AC-552 ao seu paso polo Concello de Coristanco
Os traballos, cun investimento de preto de 48.000 euros, tiveron un prazo de execución de 2 meses
Con esta actuación mellorouse a seguridade viaria na marxe esquerda da vía, dotándoa de beirarrúas e completando un itinerario peonil entre as casas existentes na contorna do punto quilométrico 37+300 e o propio núcleo da vila
Esta obra ten por obxectivo promover unha mobilidade máis sustentable e segura, favorecendo os desprazamentos cotiáns a pé dos veciños
O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde de Coristanco, Juan Carlos García, supervisaron o remate das obras de construción dunha senda peonil na estrada autonómica AC-552 ao seu paso polo municipio de Coristanco.
Esta intervención supuxo cun investimento autonómico de preto de 48.000 euros e tiveron un prazo de execución de 2 meses.
Con esta obra mellorouse a seguridade viaria desta estrada, coa execución de beirarrúas nun tramo de 170 metros da marxe esquerda, para completar o itinerario peonil actual entre un grupo de casas na contorna do punto quilométrico 37+300 e o propio núcleo de Coristanco.
Os traballos para a execución das beirarrúas, con bordo e baldosa hidráulica sobre soleira de formigón, incluiron as tarefas previas de corte de pavimento, demolición, roza e retirada de elementos existentes, así como o perfilado de terreo e recheo. Tamén se executaron as canalizacións de drenaxe, así como a reposición da sinalización vertical.
As obras realizáronse en terreos de dominio público polo que no foi necesario realizar expropiacións.
A actuación do departamento de Infraestruturas da Xunta tivo por obxectivo promover unha mobilidade sustentable e segura, favorecendo os desprazamentos cotiáns a pé dos veciños.