A Xunta entrega catro vivendas de promoción pública en Fermín Rivera, Garabolos e Tinería

O Delegado da Xunta en Lugo destacou que o IGVS continúa por unha banda coa rehabilitación de inmobles e, por outra, coa construción de novas vivendas para para cubrir a demanda de pisos de promoción pública

Javier Arias entregou dous inmobles no barrio da Ponte, un na rúa Paulo Fabio Máximo e outro na Tinería

Lugo, 17 de decembro de 2020

A Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), entregou esta mañá catro vivendas nos barrios da Tinería, A Ponte e Garabolos a outros tantos adxudicatarios, da man do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias. Coas vivendas adxudicadas hoxe, todas elas en réxime de alugamento, a Xunta pasará a ter 170 ocupadas e tres en proceso no barrio de Garabolos; 37 ocupadas na avenida Fermín Rivera das 42 de que dispón; e 85 vivendas ocupadas das 96 rehabilitadas no emblemático barrio da Tinería.

No que respecta a este barrio, a vivenda entregada hoxe atópase no número 38 da rúa Tinería e trátase dun piso de dous dormitorios, trasteiro e algo máis de 76 metros cadrados. A entrega deste inmoble supón a continuidade dun proceso de rehabilitación e adxudicación de vivendas nun barrio no que a Xunta de Galicia recuperou uns 40 edificios, con máis de 90 pisos, co fin de destinalos a promoción pública e tamén apostar pola dinamización da Tinería. Ao parque de vivendas en réxime de alugamento, hai que engadir os preto de 30 locais comerciais postos a disposición de novos emprendedores.

A aposta da Xunta de Galicia pola rehabilitación deste barrio seguirá adiante e pronto a Tinería recibirá a novos veciños, xa que hai varios edificios xa rehabilitados pero que aínda están en proceso de recepción e polo tanto pendentes de entregar.

A Ponte e Garabolos

Por outra banda, o delegado territorial da Xunta en Lugo entregou as chaves de dúas vivendas aos adxudicatarios dos dous inmobles, nos números 43 e 47 da rúa Fermín Rivera. Trátase de dous pisos con garaxe, trasteiro e dous dormitorios e cunhas superficies de 64 a 69 metros cadrados.

Coa entrega destes dous inmobles en réxime de alugamento, a Xunta de Galicia leva adxudicadas 37 pisos neste barrio, mentres que outras tres vivendas están en proceso de adxudicación e dúas vacantes. En total, a Xunta de Galicia dispón de 42 vivendas de promoción pública nesta zona.

No que atinxe á zona de Garabolos, Javeir Arias entregou unha vivenda de rúa Paulo Fabio Máximo. A adxudicataria, unha persoa con mobilidade reducida, solicitou o cambio de vivenda a un primeiro piso, que finalmente se lle concedeu. Trátase dun inmoble de tres dormitorios, garaxe, trasteiro e algo máis de 76 metros cadrados.

Neste barrio de Lugo é onde a Xunta de Galicia conta cun maior número de vivendas de promoción pública. En total dispón de 173 na rúa Paulo Fabio Máximo, das que hai dous vacantes e unha en proceso de adxudicación. O resto están ocupadas.

A entrega de vivendas de promoción pública é un proceso continuo que a Xunta de Galicia ten en marcha, segundo se vaian producindo as vacantes. Por iso, as persoas interesadas en optar a algunha destas promocións poden inscribirse no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma, accesible tanto a través da sede electrónica como nas oficinas do IGVS. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.