A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade participou hoxe na xornada telemática de presentación das conclusións da consulta preliminar ao mercado do proxecto Innovaugas 4.0

Ethel Vázquez salienta que a participación de 126 entidades no proxecto Innovaugas contribuirá a consolidar Galicia como un referente da xestión punteira dos recursos hídricos

Recibíronse 162 propostas de 15 multinacionais, 14 centros tecnolóxicos, 7 universidades ou 9 micropemes e pemes, entre outros entes

A conselleira pon en valor a alta participación dos centros tecnolóxicos, de investigación e empresariais galegos, con 52 propostas que demostran un fondo coñecemento dos retos formulados e un alto potencial innovador

Avanza a licitación no 1º trimestre de 2021 de proxectos cun investimento de 7 M€ en actuacións que se desenvolverán entre o próximo ano e o 2023

Indica que o primeiro proxecto será o de busca dunha mellor xestión dos recursos hídricos; o segundo, de resposta fronte aos eventos extremos; e o terceiro, sobre a aplicación dos principios da economía circular á xestión da auga

Destaca que esta iniciativa acadará a implantación da intelixencia artificial ao servizo da mellora da xestión da auga, situando a Galicia na vangarda desta materia
 

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2020

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salienta que a participación de 126 entidades no proxecto Innovaugas contribuirá a consolidar Galicia como un referente nunha xestión punteira dos recursos hídricos.

Vázquez Mourelle, acompañada da directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, e do xerente de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira, participou hoxe por videoconferencia na xornada de presentación das conclusións da consulta preliminar ao mercado do proxecto Innovaugas 4.0, de xestión avanzada dos recursos hídricos.

Destacou que a Xunta vén traballando para acadar un modelo de innovación na xestión dos recursos hídricos, con especial atención ao contexto de cambio climático, tomando agora como ferramenta o proxecto Innovaugas 4.0.

Apuntou que se acadará a implantación da intelixencia artificial ao servizo da mellora da xestión da auga.

Esta iniciativa, impulsada polo persoal técnico de Augas de Galicia e da Axencia Galega de Innovación, foi seleccionada polo Ministerio de Ciencia e Innovación para mellorar a xestión pública a través da innovación empresarial.

A conselleira concretou as 162 propostas recibidas de 126 entidades distintas, entre elas 15 multinacionais, 14 centros tecnolóxicos nacionais de referencia en I+D+i, 7 universidades españolas, entre elas as 3 galegas, 39 micropemes e pemes e 6 empresas ubicadas fóra de España.

A conselleira puxo en valor a alta participación dos centros tecnolóxicos, de investigación e empresariais galegos, con 52 propostas que demostran un fondo coñecemento dos retos formulados e un alto potencial innovador.

Precisou que 71 propostas abordan o reto de mellora da xestión dos recursos hídricos; 17 estudan o aumento da resiliencia fronte ao cambio climático; e 52 buscan implementar a economía circular.

Puxo en valor ideas innovadoras para a análise avanzada e o tratamento dos datos, o control predictivo de embalses, a redución da pegada de carbono ou a valorización dos subprodutos derivados da depuración.

Próximos avances

Ethel Vázquez adiantou que unha vez recibidas as propostas, a Xunta licitará no primeiro trimestre de 2021 os proxectos concretos de Innovaugas para materializar un importe de 7 millóns de euros en actuacións que situarán Galicia na vangarda da xestión pública da auga.

Sinalou que se licitarán tres proxectos, un por cada un dos retos plantexados co obxectivo de desenvolvelos entre o próximo ano e o 2023.

Explicou que se comezará polo proxecto centrado na búsqueda dunha mellor xestión dos recursos hídricos, cun importe de licitación entre os 2 e os os 3 millóns de euros. Trátase de contar con ferramentas para analizar os datos e tomar decisións.

En relación ao segundo eixo, licitarase un contrato destinado á creación dunha ferramenta para lograr unha mellor preparación, protección e resposta fronte aos eventos extremos. Do mesmo modo que o anterior proxecto, o investimento oscilará entre os 2 e os 3 millóns de euros.

O terceiro contrato versará sobre a aplicación dos principios da economía circular á xestión da auga, cun importe aproximado de 1 millón de euros. Neste sentido, a conselleira concretou que cómpren ferramentas para mellorar a eficiencia enerxética das instalacións hidráulicas.
 

Imaxes relacionadas