Rodríguez Miranda felicita aos responsables do proxecto 'Laboratorio de Radio' tras recibir o premio Cemex-TEC de Monterrey

A Secretaría Xeral da Emigración tivo así coñecemento da potencialidade das ondas para potenciar a comunicación cos galegos do exterior

Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2020

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, recibiu aos responsables do proxecto ‘Laboratorio de Radio’ para felicitarlles tras recibir o premio Cemex-TEC de Monterrey, México.

Sergio Pascual e Lucia Abarrategui, veciños de Betanzos, conforman esta firma dedicada ao mundo da radio, realizando, dende fai anos, obradoiros interxeracionais, coa participación de nenos e maiores, elaborando contidos radiofónicos emitidos por podcast a través de redes sociais e internet, e utilizando o medio de comunicación das ondas para poñer en marcha o seu proxecto ‘Laboratorio de Radio’ que ten como obxectivo mellorar a calidade de vida das persoas, aportando beneficios lúdicos, pedagóxicos, terapéuticos e inclusivos.

Dende esta perspectiva, Rodríguez Miranda felicitounos pola súa labor e por este último premio recibido pola Fundación Ashoka do país norteamericano.

Neste mesmo senso, o secretario xeral tamén analizou a posibilidade de poñer en marcha vías de colaboración de cara a potenciar a comunicación cos galegos do exterior aproveitando a potencialidade do mundo das ondas.

Pero ademais, ‘Laboratorio de Radio’ tamén recibiu fai un ano outro galardón, neste caso da Universidade Europea de Madrid, destinados a novos emprendedores sociais, e que conta co recoñecemento tamén da International Youth Foundation e a Laureate International Universities.

Imaxes relacionadas