A Consellería de Medio Ambiente estudará colaborar co Concello de Triacastela nun proxecto de humanización de espazos públicos

A conselleira Ángeles Vázquez reuniuse coa rexedora Olga Iglesias, quen lle trasladou tamén o seu interese por adquirir inmobles para rehabilitar co fin incorporalos ao parque de vivendas públicas do municipio

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2020

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda estudará a posibilidade de colaborar economicamente co Concello de Triacastela (Lugo) para levar a cabo un proxecto de humanización de espazos públicos no municipio. Así llo trasladou a conselleira Ángeles Vázquez á rexedora Olga Iglesias, no transcurso dunha xuntanza durante a que trataron diversos asuntos municipais relacionados coas súas áreas de competencia.

Cómpre lembrar que a Xunta leva unha década colaborando coas entidades locais a través do chamado Plan Hurbe na execución de todo tipo de intervencións e proxectos urbanísticos que contribúan a crear, mellorar ou humanizar equipamentos de uso común e colectivo. Así, desde o ano 2010 a Xunta executou ou ten comprometidas un total de 317 actuacións urbanísticas en máis dun cento de concellos galegos, mobilizando con elas un investimento total de 148,96 millóns de euros.

Neste sentido, Ángeles Vázquez trasladoulle á alcaldesa que esa liña de apoio e colaboración cos municipios manterase tamén durante o próximo ano. De feito, os orzamentos da Consellería para 2021 teñen reservados case 7,5 millóns de euros para actuacións destinadas tanto a mellorar os equipamentos municipais como a acadar a humanización e a posta en valor das contornas urbanas que se canalizarán a través do Plan Hurbe e da convocatoria dunha orde específica de axudas para entidades locais.

Así mesmo, a alcaldesa de Triacastela tamén lle trasladou á conselleira o interese do concello por incorporar máis vivendas ao parque público municipal. En concreto, o Concello ten previsto adquirir algún inmoble para acometer a súa rehabilitación e poñelo a disposición da veciñanza a prezos vantaxosos.

A este respecto, a conselleira explicoulle que o seu departamento, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), ofrece diferentes tipos de axudas e programas para axudar aos concellos a incrementar o seu parque residencial. Concretamente, faloulle do Fondo de cooperación de apoio a entidades locais de menos de 50.000 habitantes, un instrumento creado en 2017 para ofrecerlles financiamento sen xuros e en condicións favorables para acometer obras de rehabilitación e conservación do patrimonio construído.

Imaxes relacionadas