O xornalista Pedro Rielo recibe na Estrada o XXV Premio Xornalístico Reimóndez Portela, que conta co apoio da Xunta

O secretario xeral de Política Lingüística participou na entrega do galardón que promove o Concello da Estrada en colaboración co Goberno autonómico

A seguir, Valentín García inaugurou a mostra 'Identidades latentes', do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021, que exhibe a Casa das Letras ata o 20 de decembro

A Estrada (Pontevedra), 11 de decembro de 2020

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe no Pazo de Exposicións e Congresos da Estrada no acto de entrega do XXV Premio Xornalístico Manuel Reimóndez Portela a Pedro Rielo Lamela. O xornalista e escritor recibe o galardón, destacado no ámbito dos premios que recoñecen a promoción do uso do galego en diferentes ámbitos, pola serie de cinco artigos publicados no semanario do Diario de Pontevedra que inclúen os textos A xeito de mensaxe aventado, O bosque: espello de algoritmos, Unha lingua de bandeira, Os invencibles amores do cuco e Festina lente no tempo adiado.

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade lembrou na súa intervención que o Reimóndez Portela “é un galardón importante, por canto incide na promoción do uso do galego desde o ámbito dos medios de comunicación e dos seus profesionais, axentes decisivos na normalización do idioma propio de Galicia e na proxección social, visibilización e presenza do idioma”.

O premio, creado hai 25 anos na memoria do nome do médico, escritor, xornalista, político e presidente da Comisión Redactora do Estatuto de Autonomía de Galicia, Manuel Reimóndez Portela, promóveo o Concello da Estrada coa colaboración da Xunta de Galicia, da Deputación Provincial de Pontevedra e da Fundación de Exposicións e Congresos estradense.

‘Identidades latentes’ na Casa das Letras

O secretario xeral da Política Lingüística inaugurou tamén a mostra Identidades latentes, que desde hoxe e ata o 20 de decembro se pode visitar na Casa das Letras da Estrada no marco da programación de actividades da Rede de Dinamización Lingüística e do Fondo de Proxectos Culturais do Xacobeo 2021, un repositorio de contidos creativos de interese cultural en lingua galega creado pola Xunta dentro do Plan de reactivación do sector cultural fronte aos efectos derivados da covid-19. O obxectivo é dinamizar a lingua propia de Galicia, inxectar fondos e apoiar artistas, creadores e empresas do eido cultural no contexto da crise da covid-19 e abrir unha vía para a continuidade, viabilidade e visibilidade da oferta e do consumo de propostas lingüísticas e culturais.

Identidades latentes está comisionada por Neves Seara e Ana Seoane e integrada por unha decena de artistas femininas galegas ou residentes en Galicia que pasean a súa busca artística nas cuestións referidas ás súas identidades: de xénero, culturais, feministas, globais, sociais e individuais. Tras o seu paso por Vigo e pola Estrada, pechará a súa itinerancia do 21 ao 31 de decembro no Concello de Mos.

Imaxes relacionadas