O conselleiro do Medio Rural asiste hoxe na capital de España ao Consello Consultivo de Política Agrícola para Asuntos Comunitarios

Galicia esixe que se teñan en conta as peculiaridades do seu agro no reparto de fondos da futura PAC entre as autonomías

José González amosou a súa preocupación por algunha das cuestións que se negociaron en Europa e que tiveron o consenso do Goberno español, sen atender as expectativas galegas

Reclamou que a futura PAC se oriente tamén cara o Atlántico e que non teña unicamente o enfoque “mediterráneo” ao que aludiu o ministro de Agricultura

Madrid, 10 de decembro de 2020

O conselleiro do Medio Rural, José González, reclamou hoxe en Madrid que se atendan as especificidades do agro galego en particular e o da Cornixa cantábrica en xeral no reparto dos fondos da futura Política Agraria Común (PAC). Fíxoo no marco do Consello Consultivo de Política Agrícola para Asuntos Comunitarios que se celebra na sede do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (Mapa) e ao que asiste o titular de Medio Rural en representación de Galicia.

Nesta liña, José González advertiu que “non podemos estar satisfeitos cos resultados da primeira negociación da PAC dende o punto de vista da defensa dos intereses dos agricultores e gandeiros galegos”. Engadiu que “apoiamos sempre ao Goberno Central para traer a maior cantidade posible de fondos para España, pero demandamos tamén que eses cartos se adecúen ás especificidades de cada territorio”, no reparto que se fai entre comunidades autónomas.

Ademais, o conselleiro amosou a súa preocupación por algunha das cuestións que se negociaron en Europa e que tiveron o consenso do Goberno español, sen atender as expectativas galegas. Neste sentido citou a proposta das comunidades cantábricas de limitar as axudas directas a un máximo de 60.000 euros por explotación, para favorecer ás pequenas e medianas granxas propias deste territorio. Lamentou que o límite se fixara nos 100.000 euros e que os fondos resultantes non se destinen, de xeito obrigatorio, aos pagos redistributivos, xa que é algo que terá carácter voluntario. Por iso, sinalou González, “necesitamos que agora se concrete un maior apoio ás explotacións do norte peninsular”.

Enfoque atlántico

En parecidos termos, o conselleiro amosou tamén a súa preocupación porque as axudas directas se orienten preferentemente, en principio, cara as comunidades do centro e do sur de España. Lembrou que o propio ministro fala dunha PAC “mediterránea”, pero que “en Galicia temos moito mar, pero é o océano Atlántico”. Neste sentido, González valorou que se contemplen axudas para o olivar, pero de igual maneira Galicia reclama apoio a cultivos que lle son propios, como os soutos de castiñeiros.

Por último, en relación cos ecoesquemas, o titular de Medio Rural advertiu que os agricultores e gandeiros galegos son os primeiros preocupados pola sustentabilidade ambiental das súas explotacións, pero -engadiu- “precisamos máis cartos” para facer efectiva esa sostibilidade. Dixo isto en referencia a que os ecoesquemas tamén deben contemplar as peculiaridades produtivas de Galicia e o resto de comunidades da Cornixa cantábrica.