A furgoneta-plató do Voluntariado recala en Ferrol para difundir o amplo abano de propostas solidarias da Xunta de Galicia

Ferrol, 9 de decembro de 2020

A campaña de promoción da acción voluntaria que está a desenvolver a Consellería de Política Social nas cidades galegas con motivo do Día Internacional do Voluntariado, baixo a lenda O voluntariado non para, chegou hoxe a Ferrol. A directora xeral de Xuventude, Cristina Pichel, acompañada do delegado territorial da Xunta, Gonzalo Trenor, visitou esta mañá a furgoneta-plató do Voluntariado que estivo estacionada na contorna da praza de España para difundir o amplo abano de proxectos solidarios que leva a cabo a Administración autonómica.

Desde este punto móbil ofreceuse información e entregouse material de promoción sobre as accións que o Goberno galego leva a cabo neste ámbito. Ademais, realizouse unha entrevista a Mónica Lorenzo, profesora do Colexio La Salle de Ferrol, así como a dúas alumnas deste centro que participan con ela na iniciativa Pasaporte solidario, unha actividade na que os estudantes realizan diferentes accións de voluntariado que promoven valores como a solidariedade, a empatía ou o esforzo. Tamén pasou por este plató-móbil a presidenta da asociación ASCM, Paula Gárate, xunto cunha persoa voluntaria desta entidade, referente no voluntariado inclusivo da comarca.

Todas estas conversas emitíronse en streaming a través da canle de Facebook de Voluntariado Galego.

Imaxes relacionadas