A Xunta remata as obras de mellora da rede de saneamento que conclúe na depuradora de Valga
A intervención supuxo un investimento autonómico de máis de 46.000 euros e centrouse no acondicionamento das conducións e pozos de rexistro en distintos núcleos da vila
Reduciuse o exceso de caudal e de augas altamente diluídas que recibía a estación depuradora, acadando un funcionamento máis eficaz desta infraestrutura
Augas de Galicia entregoulle ao Concello a nova infraestrutura
A Xunta vén achegando apoio técnico e financeiro aos concellos para que poidan prestar de xeito máis eficiente os servizos de saneamento e abastecemento, de competencia municipal
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade rematou as obras de mellora da rede de saneamento que conflúe na estación depuradora de augas residuais de Valga. A titularidade das novas infraestruturas vén de ser entregada ao Concello.
Esta intervención, cun investimento de máis de 46.000 euros, permitiu a rehabilitación e mellora de conducións e pozos de rexistro ubicados en distintos núcleos do municipio como Vilar ou Vilarello, na zona paralela á vía férrea ou no paso elevado fronte á praia fluvial.
Actuouse, tamén, nos pozos situados en Laxes, A Torre, Castiñeiras, A Carballa, en Cimadevila e na contorna de Outeiriño.
A intervención posibilita que estes puntos de entrada vexan reducidos os problemas de exceso de caudal e augas altamente diluídas que recibe a estación depuradora de augas residuais de Valga, acadándose un funcionamento máis eficaz desta infraestrutura hidráulica.
A Xunta continua achegando apoio técnico e financeiro aos concellos para que poidan prestar de xeito eficiente os servizos de saneamento e abastecemento, que son de competencia local.