A directora da Agader mantivo unha reunión por videoconferencia cos responsables dos GDR para explicarlles esta medida

A Xunta repartirá 7,3 M€ entre os 24 grupos de desenvolvemento rural de Galicia para apoiar o seu labor ata o ano 2022

Trátase de que con estas achegas poidan proseguir coa implementación das estratexias no territorio e coa selección de novos proxectos que contribúan a acadar un maior desenvolvemento das áreas rurais, dentro da medida Leader

Estes fondos permitirán darlle cobertura financeira aos GDR para que poidan dispoñer dos medios humanos e materiais necesarios para desempeñar as súas funcións de dinamización territorial

Ademais, con estas aportacións aplícase o Plan de Reactivación implicando estes grupos no impulso de medidas para sectores como o agroalimentario, o gandeiro, o forestal, o turístico, o ambiental ou o do pequeno comercio

Santiago de Compostela, 6 de decembro de 2020

A Xunta distribuirá un total de 7,3 millóns de euros entre os 24 grupos de desenvolvemento rural (GDR) de Galicia, co fin de garantir a continuidade da súa actividade durante os anos 2021 e 2022. Trátase de que, grazas a estas achegas, poidan proseguir coa implementación das estratexias nos distintos territorios mediante a selección de novos proxectos que contribúan a acadar un maior grao de desenvolvemento das áreas rurais, dentro da medida Leader.

A maiores, mediante estas aportacións dáse cumprimento ao establecido polo Plan de Reactivación deseñado pola Consellería do Medio Rural no que atinxe ao apoio aos GDR para impulsar medidas para sectores como o agroalimentario, o gandeiro, o forestal, o turístico, o ambiental ou o do pequeno comercio.

Así llelo comunicou a directora da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Inés Santé, aos responsables dos 24 GDR galegos, cos que mantivo unha reunión de traballo por videoconferencia. O Consello da Xunta autorizou precisamente a pasada semana a sinatura das correspondentes addendas aos convenios asinados entre Agader e os GDR para formalizar estas aportacións.

Ademais, Inés Santé explicoulles que nesta addenda se introduce unha pequena modificación para reforzar a colaboración bidireccional entre Agader e os GDR. Será no sentido de que estes grupos contribúan a despregar no territorio as estratexias e proxectos de desenvolvemento rural impulsados pola Xunta, facendo de interlocutores cos axentes locais nos procesos participativos que se van levar a cabo e transmitindo, ao tempo, as opinións, as ideas ou os problemas de cada zona. Así como tamén animalos a participar activamente na planificación das estratexias e programas do goberno galego, co fin de aliñar a experiencia e o coñecemento local dos grupos coas estratexias da Agader e da Consellería do Medio Rural.

Así, estes fondos permitirán darlle a necesaria cobertura financeira aos GDR para que, na súa condición de entidades colaboradoras da Administración na aplicación da medida Leader, poidan dispoñer dos medios humanos e materiais necesarios para desempeñar as súas funcións de dinamización territorial.

O reparto destas partidas realizarase entre grupos de xeito proporcional á puntuación acadada no proceso de selección polo que se lles recoñeceu a súa condición de entidades colaboradoras da Administración e polo que se seleccionaron as respectivas estratexias de desenvolvemento rural para o período 2014-2020.

Medida Leader

A medida Leader busca impulsar o desenvolvemento rural a través dunha estratexia plenamente participativa e baseada nun enfoque “de abaixo a arriba”, de forma que se garanta a participación activa dos principais axentes locais nestas políticas, a través do labor dos GDR. Polo tanto, estes fondos van ter unha repercusión moi positiva sobre o tecido social e económico das zonas rurais de Galicia.

Só no período de execución 2014-2020 o Leader suporá en conxunto un investimento público no rural galego de 1.186 millóns de euros, coa creación de algo máis de 1.000 postos de traballo directos. Destes fondos, 84 millóns de euros corresponden á axuda pública (7,08% do total do investimento público do PDR).

Imaxes relacionadas