A Xunta pon en marcha os traballos de roza e limpeza nos petróglifos de Mouchos e da Forxa Vella en Rianxo

En conxunto, son catro afloramentos rochosos nos que se poden ver un extraordinario conxunto de gravados e combinacións circulares

Ambos xacementos están considerados Ben de Interese Cultural e supoñen unha importante representación da pegada rupestre en Galicia
 

Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2020

A Xunta de Galicia porá en marcha a vindeira semana os traballos de roza e limpeza nos xacementos arqueolóxicos de Mouchos e da Forxa Vella, ambos no Concello de Rianxo, co obxectivo de favorecer a súa conservación e visualización. Trátase de dous petróglifos declarados Ben de Interese Cultural que supoñen unha importante representación da pegada rupestre en Galicia.

En concreto, os traballos que se realizarán nestes dous puntos consistirán na roza selectiva, limpeza e retirada de vexetación, así como unha roza nos camiños de acceso ao xacemento. Así mesmo, tamén está proxectado facer un protocolo de limpeza e mantemento da vexetación para a posta en valor destes bens.

O petróglifo dos Mouchos, situado nas proximidades da aldea de Brión, está composto por tres afloramentos rochosos nos que se poden ver un extraordinario conxunto de gravados que parecen formar parte dunha composición unitaria. Atópanse nestes tres paneis máis de 60 representacións, a maior parte zoomorfos –cervos e cabalos– e antropomorfos, o que da unha primeira idea da complexidade do conxunto rupestre.

Armas e motivos irregulares

O xacemento de Forxa Vella, pola súa banda, trátase dun único afloramento rochoso no que se aprecia un conxunto de combinacións circulares de diversa factura, distintas representación de armas, coviñas, trazos sinuosos e motivos poligonais irregulares, así como gravados cruciformes, unha estrela de seis puntas e algún outro motivo irregular.

Dita actuación será realizada polo técnico arqueólogo Andrés Bonilla Rodríguez, quen no ano 2007 realizou a intervención da documentación e diagnose para a conservación e posta en valor dos gravados rupestres destes xacementos, e que estará acompañado polo auxiliar necesario para os traballos de roza e limpeza.